A subida do paro no conxunto do Estado español foi do 1,25% con respecto ao mes de xullo, contabilizándose máis de 51.000 novas persoas nas listas dos servizos de emprego. A taxa interanual tivo un mellor comportamento que a rexistrada no noso país xa que se incrementou nun 4,04%.
A evolución por sectores amosa que a industria rexistrou en Galiza o peor comportamento dos últimos anos: o paro mensual subiu un 1,79%. No sector Servizos incrementouse nun 1,03%, mentres que a subida na Construción foi dun 0,05%. No conxunto do Estado a subida no sector industrial foi do 2%, mentres que en Servizos foi do 1,59% e na Construción do 1,4%.
En canto ao tipo de contratación, salienta a elevada temporalidade: o 93,5% dos 59.850 contratos rexistrados en agosto foron temporais e só 443 foron de fomento da contratación indefinida. Os indefinidos ordinarios chegaron aos 1.599.
Evolución preocupante
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que os datos do paro amosan unha “evolución preocupante” e criticou o feito de que as políticas dos Gobernos español e galego non estean a ser efectivas, “senón todo o contrario”.
Seixo tamén se referiu á recente reforma laboral e ao último decreto de modificacións no mercado laboral aprobado polo Consello de Ministros, xa que na súa opinión van “na liña de afianzar a precariedade”, e lembrou que a maioría dos contratos rexistrados en agosto foron temporais. “As reformas son un fracaso”, asegurou, ao tempo que advertiu que a modificación da Carta Magna que “constitucionaliza o dogma liberal do déficit cero” segue o mesmo camiño.