Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 20/1/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Administración denuncia que o alcalde de Abegondo pretende facer campaña cos terreos do Centro de Investigacións Agrarias

A central presentou alegacións ao PXOM contra a intención de segregar 30.000 m2 do CIAM como medida para gañar edificabilidade
A CIG presentou alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Abegondo, actualmente en fase de exposición pública, en contra da pretensión do Concello de segregar preto de 30.000 m2 do Centro de Investigacións Agrarias, lindeiros coa estrada AC-542 de Betanzos a Mesón do Vento. Este terreo estaría dedicado a viais e espazos libres que permitirían gañar edificabilidade nas unidades de actuación do núcleo urbano de San Tirso de Mabegondo.

Contra deste despropósito, a CIG presentou alegacións na “defensa da integridade dos recursos e medios materiais dos que dispón a administración autonómica para desenvolver traballos de investigación agropecuaria no único centro co que conta para tal finalidade”.

Neste senso, a CIG-Administración Pública da Coruña lembra que os terreos do CIAM son de dominio público e foron cedidos polo estado á Xunta de Galiza no ano 1983 co obxectivo de seren destinados á investigación agraria, mais non para especular con eles nin facer campaña ou negocio. Por iso, a CIG-Administración censurou a actitude do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, ao entender que “quere facer parte da súa campaña electoral para as vindeiras municipais a costa dos terreos de titularidade pública, afectados á investigación agraria, dos que, ademais, se beneficia o medio rural e o conxunto da cidadanía galega”.

Instalacións únicas en Galiza

Nas instalacións da finca do Centro de Mabegondo está construído un complexo tecnolóxico de investigación e servizos ao sector agrario, levantado pola Consellaría do Medio Rural na pasada lexislatura, o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galiza, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite e o Laboratorio de Sanidade Animal. Así mesmo, subliña a sección sindical da CIG da Consellaría do Medio Rural, este complexo constitúe o maior centro de traballo co Concello de Abegondo, ao empregar a máis de 200 persoas.

Calquera redución dos recursos de investigación, en especial a terra, necesaria e única para o desenvolvemento de experimentacións en cultivos e gandería, supón un perigo para a estabilidade dos postos de traballo e a continuidade do labor a prol do crecemento produtivo do noso País.

Chamada á responsabilidade da Xunta

Tendo en conta que a segregación do terreo non se podería realizar sen o beneplácito da administración autonómica galega, dende a CIG-Administración alertouse tamén á Consellaría do Medio Rural, que ten a adscrición dos terreos, e á Consellaría de Facenda, competente en materia de patrimonio da Xunta, para que rexeiten de inicio as pretensións do Concello e deixen constancia da súa oposición ao plano formulando a correspondente alegación.

Documentos
Alegacion_CIG_PXOM_Abegondo.pdf
cig.prensa@galizacig.com