Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 20/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Ferrol alerta de que o sector naval da ría perderá máis de 1.000 empregos durante o primeiro semestre deste ano

A Federación do Metal denuncia que Navantia xa ten programado un calendario para o peche progresivo dos talleres
A Federación do Metal da CIG en Ferrol e a Sección Sindical da CIG en Navantia alertaron esta mañá en rolda de prensa da inminente perda de emprego nos estaleiros da ría durante os primeiros meses de 2012, que segundo os seus cálculos superará os 1.000 postos de traballo. Neste senso, denunciaron que, diante desta caída da actividade, Navantia ten programado un plan para proceder ao peche progresivo dos talleres, a medida que vaian quedando sen carga de traballo.

“A situación é caótica”, así describían o Secretario comarcal da CIG-Metal, Vicente Vidal, o voceiro da Unión Comarcal, Manel Grandal, e o representante da Sección Sindical da CIG en Navantia, Marcelo Amado, a situación extrema que están a padecer os estaleiros de Ferrol e Fene. En concreto, advertiron de que nos vindeiros meses se vai producir unha perda masiva de postos de traballo, que calculan superará os 1.000 empregos.

Ante esta situación, denunciaron, a empresa pública ten programado un calendario para o peche progresivo dos talleres a medida que vaian quedando sen actividade. Neste senso, lembraron que nos próximos meses se fará entrega da última fragata e do buque australiano, polo que a actividade do cadro de persoal da empresa principal quedará moi reducida, coas conseguintes consecuencias para o emprego nas industrias auxiliares.

Deste xeito, a área de aceiros do estaleiro de Fene quedará sen actividade a partir de marzo e armamento podería atoparse en situación similar en xuño. En Ferrol, as gradas quedarán baleiras en xullo, ao igual que os talleres, mentres que na sala técnica o próximo mes xa se rexistrará un 50% de subactividade.

Críticas a CCOO

Durante a comparecencia tamén se lanzaron críticas ás declaracións realizadas por dirixentes de CCOO a nivel estatal, que esta semana visitaron Ferrol, a respecto de solicitar unha reunión co director da SEPI ou a necesidade de concretar un plan industrial. Neste senso, o Secretario Comarcal da CIG-Metal en Ferrol censurou a dobre actitude de CCOO, “pois a pesares de estar representada no consello de administración de Navantia non se interesou polos plans que a empresa pública ten para os estaleiros da ría, nada falan da importancia de construír o dique flotante ou pedirlle responsabilidades á Xunta, que tan ten moito que dicir nesta problemática”.

Novas mobilizacións máis contundentes

En todo caso, dende a CIG subliñouse que se vai continuar adiante na defensa da actividade dos estaleiros de Ferrol e Fene e dos miles de empregos directos e indirectos que na comarca que dependen deste sector. Por iso, lanzaron unha mensaxe ás demais organizacións sindicais para concretar medidas presión conxuntas, urxentes e contundentes que permitan obter nova carga de traballo e concretar o financiamento para o dique flotante, así como dar a batalla polo levantamento do veto político imposto ao estaleiro de Fene.

cig.prensa@galizacig.com