Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino de Vigo denuncia a mala planificación das zonas educativas no concello

Alerta do déficit de prazas públicas no centro da cidade e reclama unha reordenación
A CIG-Ensino vén de reclamar ao Xefe Territorial de Educación a reordenación das zonas educativas en Vigo, alén de manifestar a súa preocupación pola escasa oferta de prazas e colexios públicos no centro da cidade. Valora que a administración educativa amosara certa receptividade ás súas demandas e que comunicara que xa está bastante adiantado o traballo de remodelación das devanditas zonas.

A este respecto, a CIG-Ensino expuxo a necesidade de facer unha profunda revisión dos parámetros empregados para a distribución das actuais zonas educativas polos prexuízos que lles causa ás familias: afastamento dos centros que lles corresponden, inexistencia de transporte escolar, comedor...

A modo de exemplo sinalan:

-          Zona Educativa 2: só ten dous centros públicos e ningún servizo de autobús

-          Zona Educativa 5: só o 30% dos colexios son públicos (2 de infantil e primaria e unha escola infantil). O 70% son privados concertados, en concreto, 7 centros.

-          Zona Educativa 6: abrangue a zona de Urzáiz, barrio Casablanca e toda a marxe esquerda da Rúa Velázquez Moreno e tan só lle corresponden 2 CEIPS: Valle Inclán, sen transporte e A Doblada, cunha única liña que percorre toda a zona educativa.

CIG-Ensino de Vigo observa unha discriminación do ensino público na etapa de primaria a favor do privado, sobre todo no centro da cidade, desprazando aos públicos á periferia e obrigando ás familias que optan por este ensino a levar aos seus fillos lonxe ou escolarizalos na privada.

Do mesmo xeito, fixo chegar suxestións ao Xefe Territorial e ao Inspector Xefe, no sentido de que os centros públicos deberían contar con aula matinal, comedor, actividades extraescolares e transporte para facilitar a conciliación entre a vida familiar e laboral e mellorar un servizo público esencial.

Xunto a isto, propuxo que se estabeleza unha aplicación on-line para que sexa máis sinxelo para as familias coñecer esta distribución de zonas e, polo tanto, que centros lle corresponden a un enderezo familiar.

CIG-Ensino de VIGO especifica que o edificio do antigo colexio de Cluny, no centro da cidade e hoxe en desuso, é a alternativa que a central sindical considera máis axeitada para a ubicación dun novo centro público que dea cabida ás demandas da cidade. Por iso, reclama a coordinación das distintas administracións para que isto sexa posíbel.

cig.prensa@galizacig.com