Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 20/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG esixe un cambio radical na política fiscal e máis investimento público para xerar emprego e reactivar a economía

A Unión Comarcal de Ferrol celebrou unha asemblea aberta na que se chamou á loitar por un cambio de modelo e se animou a participar na manifestación do 23 de outubro
Proseguindo co calendario de actos enmarcados na campaña “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e dos servizos sociais”, a CIG de Ferrol celebrou unha asemblea aberta na tarde do mércores na que participou tamén o Secretario Xeral da central nacionalista. Seixo demandou un cambio nas políticas fiscais, que debe pasar por máis impostos para as rendas máis altas e a persecución da fraude e dos paraísos fiscais, ao tempo  que criticou o recorte do gasto social e do investimento público nun momento no que este é a única vía para xerar emprego e reactivar a economía

“Estamos ante unha crise de modelo, dunha economía profundamente especulativa que xera a concentración da riqueza en moi poucas mans. Por iso  ningunha das medidas que están adoptando os gobernos axudará a saír da situación de recesión. Ao contrario, con estas políticas de recortes só se provoca un incremento do desemprego e que a economía non se reactive”. Con estas palabras iniciaba o Secretario Xeral da CIG a súa intervención na asemblea aberta organizada pola Unión Comarcal de Ferrol con motivo da campaña “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e os servizos sociais”.

Seixo puxo o acento na brutal ofensiva do capitalismo contra a maioría social, plasmada nas políticas de recortes sociais e laborais que os gobernos veñen aplicando nestes tres últimos anos: abaratamento do despedimento, atrasado da idade de xubilación, privatización de empresas e servizos públicos, recortes no gasto social, etc. Políticas acompañadas, ademais, da lexitimación, por vía constitucional, da aplicación do principio neoliberal do déficit cero e da transferencia de miles de millóns de cartos públicos á banca.

O dato resulta abafador: os Estados da UE achegaron 4 billóns de euros á banca para evitar a caída do sistema financeiro. Isto provocou, explicaba Seixo á asemblea, que estes recursos non puidesen ser canalizados ás pequenas e medianas empresas, así como un incremento acelerado do déficit público.

Seixo criticou que dende o estoupido da crise os estados teñan inxectando enormes recursos públicos á banca, primeiro con achegas directas para a súa recapitalización, e agora permitindo a especulación coa débeda pública, que ten deixado ao borde da quebra a moitos estados, converténdose así en escusa para aplicar novos e máis profundos recortes.

Estes movementos están premeditados e consentidos polos gobernos dos estados e institucións como o BCE ou o FMI, afirmaba. A este respecto, o Secretario Xeral da CIG reiterou que a especulación coa débeda pública tería unha rápida solución co simple feito de que o Banco Central Europeo mercase a débeda dos estados.

Fronte a isto, a CIG reclama afrontar a situación actual dende a perspectiva contraria. En lugar de reducir o déficit público pola vía dos recortes, afrontalo cun incremento dos ingresos. Para iso resulta imprescindíbel mudar completamente a política fiscal, comezando por atallar a fraude, acometida na súa meirande parte pola banca e os grandes capitais a través da utilización dos paraísos fiscais. “Se se perseguise a fraude e se remataran cos paraísos fiscais non habería problemas de déficit”, aseverou.

Do mesmo xeito, a central nacionalista demanda un sistema impositivo polo que as rendas máis altas paguen máis; recuperar o imposto de patrimonio e sucesións; elevar o investimento público para reactivar a economía e favorecer a creación de emprego; constituír unha Banca Pública forte, capaz de canalizar recursos ás familias e ás Pemes (que son as grandes xeradoras de postos de traballo, mais que neste momento pechan a marchas forzadas por problemas de financiamento): a creación de empresas públicas en sectores estratéxicos; etc. 

“Este modelo non serve. Hai que conquistar un modelo novo, máis xusto e solidario, e só o poderemos facer mediante a mobilización social”, aseverou. Pero estas mensaxes non chegan a través dos medios de comunicación, que o gran capital utiliza para inculcar que esta crise a xerou a clase traballadora. “A loita de clases non desapareceu, aínda que nos queiran facer crer o contrario. Por iso, a CIG seguirá con campañas de divulgación sobre as verdadeiras causas da crise e convocará todas as mobilizacións que sexan necesarias” para que esta crise non a pague a maioría social.

Finalmente, Suso Seixo rematou a súa intervención facendo un chamamento á participar na manifestación que a CIG ten convocada o vindeiro domingo 23 de outubro en Compostela, e que sairá da Alameda ás 12:30 horas.

cig.prensa@galizacig.com