Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 20/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: CIG : : emprego : : FORGA : : formación : : vigo : : xornada :

A forGA organiza este venres en Vigo a I Xornada “A formación para o emprego”

Desenvolverase no Auditorio do Mar entre as 10.30 e as 19.00 horas
A Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (forGA) e a Secretaría Confederal de Formación da CIG organizan este venres 21 de outubro en Vigo a I Xornada “A formación para o emprego” na que hai inscritas 230 persoas de toda Galiza.

O evento desenvolverase no Auditorio Mar de Vigo entre as 10.30 e as 19.00 horas e prevese que nos debates participen sindicalistas, representantes da administración ligados á formación para o emprego, empresas que realizan formación para os/as traballadores/as, docentes e alumnado participante en accións formativas para parados e de formación continua.

O acto será inaugurado polo secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, mentres que a clausura correrá a cargo do secretario xeral da central nacionalista, Xesús Seixo. No evento participarán o secretario confederal de Formación, Anxo García, 10 relatores/as en dúas mesas redondas, así como a eurodeputada galega Ana Miranda. Amais das conclusións da xornada, haberá tempo para coñecer as ferramentas de xestión da formación da forGA e visitar a exposición que versará sobre as infraestruturas e os medios de formación cos que conta a fundación en toda Galiza.

Ao remate da xornada procederase á entrega de premios ao material didáctico máis innovador e á acción formativa con maior inserción laboral, exemplos de actividades de formación que desenvolve a forGA.

Obxectivos do encontro

Os obxectivos do encontro son debater, no actual contexto de crise e de desemprego, sobre os procesos de acreditación das competencias adquiridas a través da experiencia laboral. Os milleiros de traballadores/as afectados polos procesos que están en marcha dende a administración, a través da Lei Orgánica das cualificacións, son descoñecidos en moitos casos, por falla de información, e podería dar lugar a que se lles pechen as vías laborais.

Na formación para o emprego estamos a falar dun dereito laboral, de negociación colectiva. Por iso a obtención de certificados de profesionalidade debe ser unha prioridade para os/as traballadores/as que queiran desenvolver determinadas categorías profesionais en certos sectores. En consecuencia a formación profesional para o emprego e todos os axentes (traballadores/as, sindicatos, administración, empresas) debe adaptarse a esta nova realidade para facela útil como unha oportunidade de integración e non de exclusión laboral.

Documentos
Consulta o programa da I Xornada "A formación para o emprego"
cig.prensa@galizacig.com