A CIG expresoulle a Pilar Cancela a necesidade de que a Consellaría de Traballo e maila Inspección de Traballo actúen con contundencia para conseguir que Atento abra unha negociación coa parte social. A Xunta debe emprender as xestións oportunas para que esta filial de Telefónica paralice os 27 traslados a León e presente un plan de viabilidade que garanta o mantemento do emprego no centro da Coruña.
Inminencia de novos despedimentos
O responsábel de Relacións Laborais de Atento trasladarase o 21 de novembro até A Coruña. A CIG mantén que o motivo da súa visita non é outro que comunicar o despedimento dun centenar de traballadores pertencentes ao servizo do 11822. Estas novas rescisións, unidas ao traslado de 27 empregados a León (despedimentos encubertos), agrandan o proceso de deslocalización no centro de traballo coruñés, iniciado o ano pasado con preto de 200 despedimentos.
A CIG entende que non existen razóns técnicas ou de produción que xustifiquen todos estes despedimentos. As causas son estritamente políticas e están vinculadas cos intereses partidistas que ten o PSOE, nomeadamente Rodríguez Zapatero, na cidade española de León.
Por outra banda, Atento cedeu espazo do seu centro da Coruña a Metrolico, empresa que se encarga do soporte técnico para o grupo Inditex. A xuízo da sección sindical da CIG, todas estas manobras están dirixidas a ampliar o novo negocio que quere ter Atento con Telefónica Empresas e Inditex, ao baleirar as salas de traballadores de Atento para enchelas con empregados de Metrolico.