Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
"Por unha administración mellor, mellor en galego" é o lema da campaña que a CIG pon en marcha para fomentar o uso do galego na Administración Pública.

A CIG pon en marcha unha campaña para promover o uso do galego na Administración Pública

O día 21 de novembro celébrase unha xornada informativa e formativa en Compostela
“Por unha administración mellor, mellor en galego” é o lema da campaña de promoción do uso do galego que a CIG vén de pór en marcha na Administración Pública. A campaña, que constitúe a segunda fase dunha iniciativa que arrancou antes da celebración do 17 de Maio, pretende concienciar á traballadores/as e administracións da necesidade de afondar no cumprimento da normativa referida á normalización lingüística.
O Secretario Confederal de Formación Sindical, Manuel Mera, o Secretario Nacional de CIG-Administración, Carlos Crespo, e o responsábel técnico de normalización lingüística da CIG, Rafa Villar, (de esquerda á dereita) ofreceron unha rolda de prensa para presentar a campaña a prol da normalización da lingua.

O Secretario Confederal de Formación Sindical, Manuel Mera, o Secretario Nacional da Federación da Administración Pública, Carlos Crespo, e o responsábel técnico da área de normalización lingüística da CIG, Rafa Villar, presentaron a campaña que a central vai desenvolver para fomentar o uso do galego no ámbito da Administración.

Con motivo desta iniciativa o 21 de novembro celébrase no Hotel Congreso de Compostela  unha xornada de carácter informativo e formativo na que participarán Pilar García Negro, Alba Nogueira, Carlos Callón, Manuel Bermúdez e o propio Rafa Villar  e que contará coa presencia do Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, durante a clausura.

A campaña vai dirixida aos/ás traballadores/as da Administración Pública “porque hai unha parte do protagonismo no fomento do galego que ten que recaer sobre a sociedade civil”, aínda que tamén busca dar un toque de atención as administracións para que se impliquen a fondo nesta cuestión.

O secretario nacional de CIG-Administración explicou que ademais da xornada se van editar cartaces e se vai levar a cabo o envío de misivas a toda a afiliación da Administración e aos directivos das diferentes áreas das institucións públicas, na que se recollen os dereitos e as obrigas a respecto do uso do galego na área pública. “É evidente que se incumpre a normativa referente ao idioma”, advertiu Crespo, quen tamén sinalou que “un dos obxectivos programáticos da central é a defensa do idioma, é unha loita que seguiremos dando”.

Medidas incumpridas

Rafa Villar advertiu que tras 25 anos da publicación da Lei de Normalización Lingüística “o grao de penetración do galego na Administración está lonxe de ser o axeitado”. A este respecto lembrou que se produce un incumprimento no desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprovado no 2004, que contempla 445 medidas de impulso do galego na sociedade que “están sufrindo unha parálise inadmisíbel”. “Queremos reimpulsar o debate da lingua nas Administración, xa que son as institucións as que teñen que xerar cambios favorables cara ao galego”, afirmou Rafa Villar.

Neste senso, Manuel Mera apuntou que “dende a CIG estamos preocupados pola discriminación da lingua”, e sinalou especialmente á marxinación que sofre o galego no eido empresarial e no dos medios de comunicación.

cig.prensa@galizacig.com