As traballadoras e traballadores responsabilizan a Pérez Touriño da falla de diálogo e dos intentos contínuos de enganar e dividir ao cadro de persoal do 112. Nun dos parágrafos da carta que se lle entregou ao Presidente explicábano así: “Aínda non sendo responsabilidade súa a orixe desta situación, senón do goberno anterior, si o é mantela as estas condicións e perpetuar unha situación anacrónica co traballo que desenvolvemos”.
O escrito continúa apelando á busca dunha solución que “é moi doada e pasa polo recoñecimento ao dereito de subrogación do persoal, pola dignificación salarial acorde á responsabilidade que supón o noso traballo consolidando as cantidades que cobramos e a regulación e control das gardas con disponibilidade. Pouca cousa para rematar cun conflito que leva xa case dous anos aberto e no que xa sufrimos abondo a falla de compromiso e nula capacidade de diálogo dos responsábeis políticos do CAE 112”.
Concentración diante do Parlamento
As mobilizacións dos/as traballadores/as do 112 continuaron cunha concentración celebrada na mañá do 20 de novembro diante do Parlamento de Galiza, como medida de presión para reclamar o desbloqueo do conflito laboral no CAE 112.
A Presidenta do Comité de Empresa, Isa Moares, anunciou novas accións de protesta e a presenza nos actos que realice Touriño. Ademais avisan de que non dubidarán “en entrar activamente na campaña eleitoral” e, de feito, preparan unha campaña da sección sindical de denuncia dos responsábeis diretos do estancamento das negociacións.
Máis información en 112enloita.blogspot.com