Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 20/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Aminatu Haidar, última vítima da represión marroquí - coa colaboración do goberno español - contra o Pobo Saharauí

Comunicado de solidariedade da CIG
O pasado 13 de novembro o Goberno de Marrocos impediu a entrada en territorio saharaui a Aminetu Haidar, quen, en contra da súa vontade, foi embarcada nun avión con destino ás Illas Canarias. Aminatu Haidar regresaba de Nova Iorque, cidade á que viaxou para recoller o “Premio Coraxe Civil 2009” que lle fora concedido pola súa defensa dos dereitos humanos nos territorios saharauís ocupados por Marrocos.

Aminetu naceu en 1967, ten dous fillos e vive n'O Aaiún. Marrocos detívoa por primeira vez en 1987, xunto con outras setecentas persoas, por participar nun mitin a favor da autodeterminación do Sahara Occidental. Durante catro anos estivo "desaparecida" en cárceres secretas sen cargos nin xuízo. No tempo no que andou "desaparecida" estivo sometida a torturas, ao igual que outras 16 mulleres loitadoras pola causa saharauí. Detida novamente en 2005, pasou sete meses en prisión ate que foi liberada polas presións do Parlamento Europeo e de Amnistía Internacional.

Nos últimos anos ten participado en moitas actividades de ámbito internacional divulgando e denunciando a ocupación militar do seu País, a colonización do seu territorio por parte de xentes vidas de Marrocos, os vexames e maltratos aos que se ve sometida a poboación saharauí e reivindicando de maneira pacífica o Dereito de Autodeterminación do Pobo Saharauí.

Defensa dos dereitos humanos

A súa permanente defensa dos dereitos humanos da poboación saharuí que vive nos territorios ocupados por Marrocos e a loita pola independencia e soberanía do Sahara Occidental ten sido recoñecida con numerosos galardóns internacionais: Premio de Dereitos Humanos Juan María Bandrés (2006); Silver Rose Award (Austria, 2007); Premio de Xustiza e Dereitos Humanos 2008 da Fundación Robert F. Kennedy; Premio Coraxe Civil 2009 da estadounidense Fundación Train "; nominada polo Parlamento Europeo para recibir o Premio Andrei Sajarov de Dereitos Humanos; candidata ao Premio Nobel da Paz no 2007 e candidata ao Premio Ginetta Sagan por proposta de Amnistía Internacional.

Aminetu Haidar chegaba ao aeroporto d'O Aaiún o pasado 13 de novembro de regreso á sua casa despois de recoller en Nova Iorque o premio que lle concedeu a Fundación Train. A policía marroquina retiroulle o pasaporte e os documentos persoais. Tras 24 horas de detención e apesar das protestas e da total oposición de Aminata, a policía meteuna nun avión con destino a Lanzarote. O Goberno español aceptou este desterro forzado e admitiu a chegada de Aminetu ás Illas Canarias, aínda non tendo pasaporte, aducindo que é posuidora dun permiso temporal de residente. Aminatu foi obrigada a baixar do avión e negóuselle a posibilidade de regresar ao Aaiún en outro voo.

Colaboración do goberno español no seu desterro

Marrocos aduce que Aminatu se negou a encher "correctamente" os impresos administrativos esixidos aos pasaxeiros dos voos internacionais, tese que é aceptada como boa polo Ministerio de Asuntos Exteriores do goberno español. A realidade é que Aminatu, ao igual que moitos saharauis, escrebeu "saharaui" no espazo correspondente á nacionalidade. A negativa a rectificar, negándose a si mesma a condición de saharaui, é a desculpa formal aducida por Marrocos, e aceptada por España, para desterrar a Aminatu.

Nunca Marrocos utilizara este método para desembarazarse da poboación saharauí que loita pola independencia. O método "normal" de detención, prisión e, moitas veces, "desaparición", podería supoñer un custe político para Marrocos moito maior que o desterro por ser Aminetu unha figura internacionalmente recoñecida.

Con este desterro dáse continuidade á nova fase represiva iniciada por Marrocos desde o discurso pronunciado polo rei Mohamed VI con motivo do 34 aniversario da Marcha Verde no que atacaba aos "inimigos da integridade territorial" e anunciaba que se "acabaron os tempos do dobre xogo, ou somos patriotas ou traidores". Consecuencia inmediata deste incremento represivo foi a detención, o 8 de outubro, nos territorios ocupados de varios saharuis integrantes de distintas asociacións defensoras dos dereitos humanos, 7 dos cales van ser xulgados en Casablanca por un tribunal militar que podería condenalos á morte.

Unha vez máis o goberno español se posiciona de xeito vergonzoso ao lado de Marrocos, reafirmándose no seu papel de elemento activo e belixerante en contra da xusta loita do Pobo Saharuí a prol da independencia e a soberanía nacional.

Apoio da CIG á loita saharaui

Desde a CIG seguimos dando o noso apoio á loita saharaui pola autodeterminación, denunciamos e acusamos aos gobernos español e marroquí que están, amais de outros - impedido o exercicio deste dereito e manteremos a posición de apoio político activo ao Pobo Saharaui.

cig.prensa@galizacig.com