Xan Losada, Secretario comarcal da Federación en Ourense, criticou duramente a decisión das empresas, que simultaneamente vulneran os acordos do convenio colectivo para o sector. Ademais de teren que traballar en festivo recoñecidos, os operarios/as terán que facer xornadas de 12 horas continuadas diarias. Losada tamén acusou á administración pública de ser cómplice deste abuso e “mirar para outro lado”.
A Federación xa puxo en coñecemento da Inspección de Traballo estes feitos e solicitou unha reunión coa delegada de Traballo co obxectivo de buscar unha solución a esta situación “dunha vez”. “Dende a Federación da Construción e madeira da CIG imos insistir até que se cumpra o Convenio colectivo, a así tratar de rebaixar o número de parados do sector, xa que aplicando a xornada que establece o convenio, habería que contratar máis traballadores para cumprir os prazos”, explica Losada.
Incumprimentos reiterados
Este non é a primeira ocasión na que se denuncian irregularidades nas obras do AVE de Ourense (hai que lembrar que son das que maiores índices de sinistralidade rexistran). De feito, o pasado 11 de febreiro a CIG-Construción organizou mobilizacións nas catro provincias para denunciar o incumprimento do Convenio do sector, tanto no referido ao exceso da xornada de traballo como as fallas de medidas de seguridade e prevención de riscos.
En relación aos salarios, Losada explica que, na maioría dos casos, as empresas subcontratadas pagan o exceso de xornada por baixo do prezo establecido no convenio colectivo co consentimento da empresa principal, e a complicidade da administración.