Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Secretaría da Muller da CIG denuncia que a Xunta pretende outorgar dereitos a “non nacidos” mentres elimina dereitos ao resto

Integra a medida nun Plan de apoio á muller “embarazada” á que se lle nega o dereito a ir ao especialista para facer a revisión postparto
Susana López Abella anunciou onte na Comisión de Sanidade do Parlamento, na que compareceu para respostar a unha pregunta do Grupo Parlamentario Popular, que “as crianzas non nacidas” contarán como membros da unidade familiar á hora de pedir axudas á Xunta, co fin de determinar o tipo e contido das prestacións públicas que lles corresponden. A medida está encadrada no Plan integral de apoio á muller embarazada 2012-2014, aprobado o pasado mes de xaneiro polo Consello da Xunta.

A Secretaría da Muller da CIG reitera unha vez máis o seu rexeitamento ante un Plan que responde a unha visión e unha concepción do goberno galego -dirixido polo PP- que sitúa ás mulleres como un colectivo que debe ser protexido e dirixido, en vez de garantir que poidan decidir libremente sobre o exercicio dos seus dereitos reprodutivos e á súa sexualidade.

Un goberno, o do Partido Popular, que amosa toda a súa carga ideolóxica –ultraconservadora e retrógrada- cando en vez de dirixirse directamente ás mulleres embarazadas para explicar o contido da medida, emprega termos como “os non nacidos” definindo aos fetos como suxeitos de pleno dereito da unidade familiar, cando fala  da “valoración da vida en formación”. Que continúa co seu empeño en reforzar os discursos que cimentan o patriarcado, na mesma liña que fixo coa Lei de apoio á Familia e á convivencia de Galiza aprobada en xullo do ano pasado; incidindo na retórica da familia heterosexual tradicional e tentando limitar o control da muller sobre a súa vida sexual, concibindo á maternidade como papel e función vital das mulleres.

O mesmo goberno que xustifica esta medida como “fundamental a medida á hora de manter a independencia das mulleres que queiran ser nais para que isto no sexa un lastre” acomete recortes profundos en materia de benestar; no ámbito da protección sanitaria e nas políticas de igualdade; que procede a decretar unha suba, sen precedentes, nas taxas das escolas infantís, e xa o último, nas matrículas universitarias; que non adopta ningún tipo de medidas dirixidas a mellorar a empregabilidade das mulleres e a garantir a conciliación da vida familiar e laboral, senón que utiliza unha reforma para cohartar os cativos avances nesta materia e que mesmo introduciu un protocolo en Atención Primaria para que as revisións postparto non sexan realizadas por especialistas, senón por facultativos/as de Primaria.

Ante isto, a CIG insta ao goberno galego a que abandone a súa pretensión de adoutrinar á sociedade e que adopte medidas dirixidas a garantir os dereitos das mulleres.

 

cig.prensa@galizacig.com