Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Comezan as XXII Xornadas de Lingua e Literatura

Escritores/as, críticos literarios, profesores/as, investigadores/as, etc. participarán en 10 seminarios, conferencias e debates
As XXII Xornadas de Lingua e Literatura, organizadas pola Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino) e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) van ter lugar os días 20 e 21 de abril, na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago ( Avda. Xoán XXIII s/n ). Cada ano veñen asistindo a elas un importante número de participantes, na súa maioría profesorado de Lingua e Literatura Galega.

Na edición deste ano escritores/as, críticos literarios, profesores/as, investigadores/as, etc. participarán en 10 seminarios, conferencias e debates sobre Lingua, Literatura e Sociolingüística ao longo destes dous días. Trátase de combinar a exposición daquelas ideas máis innovadoras que se producen no ensino con intervencións de carácter máis informativo ou teórico.

As Xornadas iniciaranse cunha Conferencia sobre Celso Emilio Ferreiro. Tamén se presentará un audiovisual sobre o Correlingua desde os seus comezos ata hoxe. Rematará a tarde coa representación teatral de “Lorca e as flores de Venus” de Marga Doval que escenificará EL PRODUCIÓNS ARTÍSTICAS.

Contaremos con diversos seminarios como: O cartel como elemento normalizador, Proposta didáctica para traballarmos nas aulas cos SMS e outros soportes comunicativos, a presenza das mulleres  na literatura galega, o proxecto Ríos de LIngua e Cultura.

Contaremos coa destacada presenza de dous autores actuais que nos falarán da súa obra: trátase de Olga Novo e Miro Villar.

O sábado pola tarde terá lugar a conferencia “Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética de Valentín Paz Andrade” que pronunciarán Paulo Filgueira e Carlos Callón.

Como peche, o grupo de teatro MEDULIO representará o espectáculo “O mundo, segundo Rosalía de Castro”.

O obxectivo destas Xornadas é a actualización e formación do profesorado no campo das nosas letras, profundizar na galeguización do ensino e coñecer as últimas investigacións, traballos e estudos así como propostas prácticas para aplicar nas aulas.

Estas Xornadas son tamén un lugar de encontro entre o profesorado de Lingua e Literatura, escritores/as nas que ademais se expoñen as últimas novidades editoriais galegas e os autores/as poderán asinar as súas obras. Para estas Xornadas está solicitada a homologación á Consellaría de Educación por 10 horas.

cig.prensa@galizacig.com