Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité da Fundación para a Calidade Industrial denuncia o despedimento dunha muller embarazada de cinco meses

Aplica unha reforma laboral que discrimina ás mulleres traballadoras
O Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia denuncia o despedimento, por razóns produtivas, dunha traballadora embarazada de cinco meses. A reforma laboral implantada polo goberno do PP atenta directamente contra a maternidade e facilita a discriminación das mulleres traballadoras.

Con este novo despedimento xa son tres as traballadoras despedidas en período de maternidade na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial nesta lexislatura. Se ben en anteriores ocasións as traballadoras tiveron que ser readmitidas ao tratarse de despedimentos nulos, agora, coa aplicación do Real Decreto-Lei 3/2012, do 10 de febreiro, quedan desprotexidas e contémplase expresamente que non é preciso que a entidade deba acreditar e xustificar a razonabilidade de calquera despedimento, mesmo das mulleres en período de maternidade como é o caso.

Novas privatizacións na Xunta de Galicia e contratación de servizos máis caros

Xunto coa traballadora embarazada foron despedidos esta semana un total de cinco traballadores e traballadoras que desenvolvían funcións estruturais da Secretaría Xeral de Modernización, agora integrada na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), dependente da Presidencia da Xunta de Galicia. Xustamente, esta “Axencia” de nova creación que aínda non dispón dunha relación de traballadores definida, pois está conformada maioritariamente por cargos directivos, gastará case dous millóns de euros en licenzas de software privativo para a xestión de bases de datos da Xunta, que conleva un maior custo económico e demostra a pasividade do goberno do PP sobre o uso do software libre.

Ausencia de negociación e represión sindical

Unha vez máis, os despedimentos producíronse sen diálogo nin negociación cos representantes legais dos traballadores/as. O cambio de xerente na Fundación  non supuxo cambio ningún nas formas e no funcionamento desta entidade pública e, a pesar dos continuos escritos remitidos ao xerente, a Secretaria Xeral de Modernización e ao Conselleiro de Economía e Industria, o Comité de Empresa non foi informado nin convocado para tratar calquera actuación que poida afectar aos traballadores e traballadoras da Fundación.

O Comité salienta que continúa a represión sindical e que se utiliza a chantaxe psicolóxica para tratar de xustificar por parte da xerencia o despedimento de dúas das persoas como “moeda de cambio” pola permanencia na Fundación dos representantes dos traballadores. Feitos que, por outra parte, serán de novo obxecto de denuncia nas instancias oportunas.

Eliminación do Fondo de Acción Social de 2011 e 2012

Tamén nesta semana a xerencia notificou ao Comité de Empresa que será de aplicación a Lei/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público na Comunidade Autónoma de Galicia, no tocante ás porcentaxes de aboamento da Incapacidade Temporal por continxencias comúns e a suspensión da convocatoria, concesión ou aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda a persoas con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, namentres estea en vigor esta Lei. Isto significa a eliminación do FAS para o ano 2012 e dos pagamentos pendentes do ano 2011, que xa estaban concedidos e asignados pola comisión de reparto.

O Comité de Empresa considera que estes feitos, así como os acontecidos dende o ano 2009 responden ao progresivo desmantelamento dos servizos públicos, á privatización e a unha campaña de desprestixio dos empregados públicos por parte do PP e do Presidente da Xunta de Galiza, ás que cómpre pór fin nas próximas eleccións autonómicas.

cig.prensa@galizacig.com