Traballadores e traballadoras da empresa Los Lebreros, co apoio de membros da CIG de Ferrol, concentráronse diante do Arsenal Militar para demandar o pagamento dos salarios atrasados, xa van case dous meses, así como denunciar a “enorme precariedade laboral que padecen os traballadores/as desta subcontrata do Ministerio de Defensa”, sinalan dende a CIG-Servizos de Ferrol.
Los Lebreros, con sede en Cádiz e que atende o servizo de cafetaría e limpeza das instalacións do Arsenal Militar de Ferrol, “ten sometido aos seus traballadores/as a unhas condicións moi penosas e precarias, que están sendo motivo constantemente de reclamacións laborais”, sinalan dende a Federación de Servizos. Agora a empresa alega que non ten liquidez para abonar os salarios atrasados e culpa desta situación ao Ministerio de Defensa, “mais os que sofren e pagan esta lea e total informalidade de ambos, son os traballadores e traballadoras subcontratados”, lamenta Cristina Ces, da CIG-Servizos.
Precarización nas subcontratas
Ces tamén destaca que o Ministerio se dedica a privatizar servizos mediante “concesións á contrata que lle sae máis económica” e que, “nesta poxa de subcontratas sempre hai xente sen escrúpulos que se dedica a facer o traballo suxo”, co conseguinte resultado dunha enorme precarización do emprego dentro do recinto militar. Situación da que o Ministerio e a empresa “son totalmente responsábeis”.
A CIG-Servizos de Ferrol tamén lembra as condicións laborais “cada vez máis precarias” que se están a rexistrar no ámbito do sector servizos, especialmente, sinalan, da limpeza.
Os traballadores e traballadoras barallan iniciar un calendario de mobilizacións e non descartan adoptar ningunha medida para conseguir evitar que se repitan situacións semellantes.