Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/5/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

22 de maio, por que debemos votar os traballadores e traballadoras e a quen

A Executiva Confederal da CIG perante as eleccións municipais
Diante da celebración, o próximo domingo, día 22 de maio, de eleccións políticas para elixir quen vai formar parte, nos próximos catro anos, dos gobernos municipais en todos os concellos de Galiza, a Executiva Confederal da CIG quere facer público o seguinte:

1º.- Temos que empezar por ter presente que o noso voto ten moito valor. Estamos a elixir a persoas que van decidir co seu voto, neste caso nos concellos, aspectos moi importantes que teñen que ver coa nosa calidade de vida, como son: urbanismo, servizos sociais, escolas infantís, emprego, medio ambiente, infraestruturas, actividades culturais,.... Co voto da maioría dos deputados e deputadas do Parlamento Español, estanse a aprobar unha serie de medidas lexislativas en materia laboral, social e económica, que están a supor un retroceso enorme en dereitos e calidade de vida para millóns de cidadáns, tirando a baixo en poucos meses uns dereitos e unha calidade de vida conseguidos, pola clase traballadora, durante moitos anos de loita, esforzo e sacrificio. Mirade se ten valor o voto.

2º.- Estas eleccións celébranse nun marco de crise económica que está a supor a perda de miles de postos de traballo, redución dos salarios, abaratamento do despedimento, incremento da idade de xubilación ou recorte do gasto público co conseguinte empeoramento na calidade dos servizos públicos. Todas estas políticas, tan agresivas coa clase traballadora, forman parte dun ideario ideolóxico que defende e xustifica o actual modelo de capitalismo neoliberal, que busca saír da crise a custa de debilitar á clase traballadora e precarizar as súas condicións sociais e laborais,  un ideario ideolóxico e político que defenden e promoven forzas políticas como PSOE e PP. Nin un só voto para estas forzas políticas.

3º.- Os traballadores e traballadoras temos que ser conscientes, en contra do que se nos di todos os días desde o poder, de que si é posíbel facer outro tipo de políticas e si é posíbel construír modelos económicos e sociais moito máis xustos, solidarios, democráticos, que garantan un reparto equitativo da riqueza e que garantan dereitos básicos a poboación como son o ensino, o emprego, a saúde, a vivenda, a enerxía, a cultura,...As políticas que se están a facer son políticas interesadas, cun fondo contido de clase, que favorecen claramente os intereses dunha minoría, as oligarquías financeiras, que acumulan poder e riqueza e controlan as principais institucións políticas, financeiras e mediáticas.

4º.- En base a todos estes argumentos, desde a CIG facemos un chamamento, a todos os traballadores e traballadoras de Galiza, para que voten e o fagan por aquelas forzas políticas máis próximas ao noso ideario, que son sensíbeis as nosas reivindicacións, que participan con nós nas mobilizacións contra as políticas de recortes de dereitos laborais e sociais e que están claramente situadas nun ideario nacionalista e de esquerdas. 

En Compostela a 20 de maio de 2011

EXECUTIVA CONFEDERAL DA CIG

cig.prensa@galizacig.com