O V Congreso da CIG comezaba na mañá deste sábado 20 de xuño co saúdo do secretario comarcal de Compostela, Anxo Noceda, aos delegados e delegadas chegados de toda Galiza para participar nos traballos do órgano soberano da central sindical. Na súa breve intervención, afirmou a súa convicción de que a CIG é “a mellor ferramenta da clase traballadora galega para edificar o camiño que nos conduza á nosa emancipación como clase traballadora” e lembrou especialmente a todas e todos os traballadores que “están a loitar polo mantemento dos seus postos de traballo, por unas condicións laborais xustas e dignas”, nomeadamente os de Caramelo, Pascual ou os compañeiros e compañeiras do Metal de Pontevedra, entre outros.
Pola súa banda, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, foi o encargado de presentar o Informe de Xestión da Executiva Confederal saínte. Un informe no que se denuncia a actuación que diante da actual situación de crise económica teñen os gobernos, que están a adicar miles de millóns de euros a rescatar ás entidades financeiras e a actitude da patronal e dos representantes das oligarquías financeiras, que presionan aos gobernos para que leven adiante novas políticas de recorte de dereitos á clase traballadora.
O Informe tamén analiza a actual situación política, coa dereita gobernando novamente en Galiza con maioría absoluta, o que fai prever o retorno ás vellas políticas neoliberais, de recorte de dereitos e de precarización das condicións laborais e o desmantelamento dos avances que o nacionalismo deixou en materia de servizos sociais, Galescolas, vivenda ou industria e que "vai apoiar a vaga de españolismo promovida desde Madrid e que conta en Galiza con importantes apoios no mundo das finanzas, empresa, medios de comunicación e que hoxe aparece claramente vinculado ao ataque do que é o noso principal sinal de identidade”.
Respecto da situación do mercado de traballo saliéntase a caída da ocupación e o incremento do desemprego que se comezou a notar no último trimestre de 2008 e que se mantén neste ano a consecuencia da crise, pero sobre todo un grave problema estrutural: a emigración de mozos e mozas, que tiveron que marchar na procura dun emprego que non tiñan en Galiza nin sequera no período anterior, en pleno ciclo económico alcista e de creación de emprego.
No documento, a Executiva saínte amosa unha especial preocupación pola alta temporalidade que se dá tanto no sector público como no privado, que afecta en maior medida ás mulleres e é máis acusada entre os menores de 30 anos. “Este abuso da contratación temporal sen causa, simplemente como medida de fomento do emprego, propiciou unha maior velocidade de creación de emprego nos últimos anos, pero tamén é certo que é un factor determinante na rápida destrución de emprego que estamos sufrindo”, afírmase.
Xunto a iso, o Informe aborda a conflitividade laboral en Galiza e o papel da CIG salientando que desde o último congreso a CIG levou a cabo unha amplísima actividade sindical no ámbito da loita directa en defensa do emprego, dos salarios e das condicións laborais en xeral, pero tamén no campo das alternativas sociais e políticas. Entre outros lémbranse no sector textil conflitos como o de MAFECCO ou CARAMELO; no sector de telemarketing os de ATENTO, UNÍSONO, EUROCEN ou BOCH; no sector de automoción os de TREVES, FAURECIA, ASIENTOS ANTOLÍN, PREVENT, VALEO ou DRAKA; no sector da construción, FADESA, CEDONOSA, INGEMARGA ou MABAR; no sector da minaría do carbón os conflitos das empresas auxiliares nas explotacións mineiras de As Pontes e Cerceda ou noutras como PÉREZ LAFUENTE, da conserva; ASTRA ZÉNECA, de Químicas; ARRIVA, de transporte; SERRABAL, da minaría; FERROATLÁNTICA, de transformación do silicio ou de GALICIA DIXITAL, de Oficinas.
A consolidación do proxecto sindical
A CIG incrementou a súa representatividade en 1.033 delegados e delegadas, o que representa un 22,48% respecto do número de delegadops/as do período anterior e un incremento do 2,4% no çómputo global. Estes resultados (a 31 de decembro de 2007, unha vez rematado o período de concentración de eleccións sindicais) sitúan á CIG como segunda forza sindical en Galiza, a tan só 2,8 puntos da primeira e como primeira forza nas comarcas da Mariña, Ferrol e Santiago, en provincias como a de Pontevedra ou en sectores como Mar, Metal, Químicas, Saúde e Ensino Público.
Porén a CIG é a primeira forza sindical en Galiza canto a afiliación, cun total de 66.504 afiliados/as con cotización sao día. Este incremento foi xeralizado en todo o país e están sitiuados territorialmente entre o 30,73% da Mariña e o 51,54% de Compostela e sectorialmente entre o 21,86% da FGAMT e o 53,60% de Servizos.
Estes resultados permiten reafirmar con rotundidade “o acertado da nosa acción sindical nos últimos anos, o que leva a que cada día sexan máis os traballadores e traballadoras os que ven na CIG un sindicato no que confiar e apoiar á hora de defender os seus intereses como clase e, tamén á hora de defender os dereitos de Galiza como nación”, tal e como afirmou Suso Seixo.
O Informe resalta tamén os avances acadados en materia de formación profesional, en políticas de xénero ou nas relacións internacionais e advirte sobre a necesidade de mellorar a estrutura organizativa e os servizos a afiliación para adaptar a central ás necesidades xeradas co medre da afiliación.
Todo isto para rematar denunciando a campaña lanzada pola dereita para acabar co noso principal sinal de identidade: o noso idioma, o galego, “seguindo a máis rancia tradición do imperialismo español".