Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Persoal de Seaga maniféstase en Compostela para denunciar a redución das contratacións previstas na empresa pública

A CIG-Servizos “desvincúlase completamente” dos incidente ocorridos en San Caetano, cando o acto xa estaba rematado
Persoal de Seaga saíu este mércores á rúa, convocado pola CIG-Servizos e polos comités provinciais, para denunciar a redución das contratacións na empresa pública, co único obxectivo de evitar recoñecer a condición de fixos discontinuos dos traballadores e traballadoras que entren a desenvolver a súa actividade nesta empresa pública. O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, denunciou ademais que tanto a administración como Natutecnia convocaron as probas para acceder a un posto de brigadista, casualmente o mesmo día da mobilización, o que non impediu que os que se examinaron en Compostela se sumaran cando xa comezara a marcha.

De feito, a saída da manifestación estaba prevista para as 11:00 horas e atrasouse para confluír, á altura da Praza de Galiza, coas persoas que participaban na proba que se celebrou en Compostela.

Paulo Rubido explicou, ao comezo da mobilización, que o ocultismo da Xunta e o atraso na publicación do Pladiga 2012 obedece á decisión da administración de evitar a contratación de persoal que poida reclamar a súa condición de fixo descontinuo, logo de que xa haxa traballadores que gañaron esa condición vía sentenza xudicial.

Asegurou que se reduciron drásticamente as contratacións a través da empresa pública, lembrando que se en anos anteriores se fixeran 2.300 contratos, o ano pasado xa se reduciran a 1.800 e que para este ano só están previstos 500.

O secretario nacional de CIG-Servizos tamén denunciou que a empresa privada Natutecnia está xa realizando probas para formar parte das brigadas helitransportadas, malia a Xunta non ter sacado a concurso ou terse publicado unha resolución da consellaría coa adxudicación. A este respecto sinalou que nesta empresa se van facer contratos por obra, coa consigna de que sexa xente sen experiencia para evitar que se produzan posteriores reclamacións.

Denunciou tamén a redución de persoal nas brigadas helitransportadas, para as que está previsto un operativo conformado por entre 150 e 200 traballadores e traballadoras, pasando de 5 traballadores a 4 persoas cada brigada, cun tope de 7 brigadas por distrito, cando en anos anteriores había, nos distritos conflitivos, até 24 brigadas, para atender as continxencias da campaña de extinción. “Se nun distrito se baixa de 24 brigadas a sete, e cada unha destas de 5 a 4 persoas dá para, cubrindo quendas, ter unha brigada para cada distrito, cun reforzo de mañá ou de tarde. Un total de 8 persoas. Se alguén pensa que con 8 traballadores nun distrito se pode facer fronte a unha mínima situación de risco que haxa no país é que non ten nin idea de como funciona o servizo de extinción de incendios”.

A redución de efectivos afecta tamén, segundo indicou, aos medios propios da Xunta, ao Pladiga, eliminando os vixilantes de torreta e derivando parte do traballo dos emisoristas a Natutecnia, alén de facer unha contratación de mínimos de condutores de motobomba.

Lembrou que a CIG-Servizos propuxo á consellaría estabelecer unha mesa de negociación para atopar unha solución de carácter definitivo para o servizo de extinción, entendendo que ningunha administración se pode permitir ter a case 4.000 traballadores eventuais contratados todos os veráns simplemente para apagar lumes. Porén, calquera redución, indicou, tería que pasar, necesariamente, pola ordenación forestal do país, para logo limitar o dispositivo habitual, de 2.300 traballadores de Seaga contratados  2-3 meses no verán, a 1.400 traballadores nos meses pico. Deses, a CIG-Servizos propuxo que 700 traballaran máis de tres meses, realizando tarefas de prevención, adecuación de pistas forestais, preparación de pozas de auga, de puntos de auga, desbroce directo de cunetas, zonas críticas e demais. Unha proposta que non foi tomada en conta pola administración.

Tamén alertou das dificultades que haberá para coordinar un operativo que, de cumprirse os prognósticos, estará conformado polo medios propios da Xunta, de Seaga, de Natutecnia, de Tragsa -se finalmente se confirma que optan tamén se fan contratacións a través desta empresa- e dos concellos que contan con medios propios.

Ao remate da mobilización, en San Caetano, producíronse incidentes dos que “a CIG-Servizos se desvincula completamente”, afirma Paulo Rubido, subliñando que se produciron cando xa estaba rematado o acto.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com