A concentración produciuse logo da asemblea de persoal na que se deu conta do resultado da reunión da Mesa Sectorial da Sanidade mantida en Compostela. Na xuntanza a CIG-Saúde reiterou a súa oposición a un cambio no mapa sanitario actual que supoña “a desaparición das áreas sanitarias existentes”.
Neste senso, dende a Federación de Saúde da CIG lembraron a experiencia deste tipo desenvolvida en Ferrol e que “contradí o establecido na Lei Xeral da Sanidade, optándose por un modelo de integración baseado nunha xestión orientada á atención da enfermidade mediante os recursos de atención especializada, marxinando á atención primaria”.
Neste modelo, critican dende a CIG-Saúde, a participación dos profesionais na xestión concrétase unicamente en temas asistenciais, sen ningún papel no resto de actividades relacionadas coa promoción e prevención e no que non está desenvolvida a participación cidadá.
Non obstante, dende a administración comprometéronse a non tomar ningunha iniciativa antes de informar na Mesa Sectorial ás organizacións sindicais. Aínda así, a CIG-Saúde lamenta a falta de garantías por parte da Consellaría para manter o actual mapa sanitario.
Máis información no blog da CIG-Saúde de O Barco.