O único aspecto positivo do acordo é a redución do número de postos de traballo que Correos pretendía eliminar na zona centro de Vigo, que pasan de 13 a nove. Polo demais, o documento asinado hoxe despois de que fose ratificado en asemblea polos empregados/as (coa oposición da CIG e da CGT) non fixa a duración das catro novas zonas de reparto que se crean na cidade, “polo que nos tememos que nuns meses a empresa queira reorganizar o servizo e prescinda de máis postos”.
Diante disto, dende a CIG cualifican o acordo de “nefasto”e lembran que foi ratificado por un escaso marxe de votos, xa que se contabilizaron 22 a favor (maioritariamente de CCOO e UGT), 17 en contra e unha abstención. Remata deste xeito un conflito laboral que se iniciou hai 46 días e que figura xa como a folga máis longa en máis de 200 anos de historia de Correos.