Os representantes da CIG no comité de empresa lembran que a propia Avaliación de Riscos feita pola compañía adxudicataria do servizo municipal de recollida do lixo prevé a presenza de dos operarios/as na parte traseira do camión, polo que consideran especialmente grave que Urbaser Ferrol teña comunicado xa que asumirá a sanción pero non fará nada para cumprir a normativa de prevención de riscos laborais.
Dende CIG-Servizos indican que a reacción de calquera empresa cun mínimo de responsabilidade sería a de solucionar o problema canto antes e poñer dous peóns na parte traseira do camión, “pero neste caso Urbaser Ferrol limítase a pagar a multa e expresarlle ao comité de empresa a súa intención de seguir como até agora e non mudar nada”.
Diante disto, dende a central nacionalista aseguran que “non imos consentir que sigan con estas prácticas e pasen por alto a normativa laboral vixente”, polo que anuncian, tal e como acordou o comité de empresa, que iniciarán a vía xurídica “e calquera outra que consideremos oportuna” para obrigar á empresa a axustarse a dereito. A CIG vén denunciando reiteradamente os incumprimentos da concesionaria e a pasividade que até o momento amosaran a Inspección de Traballo e o Concello de Ferrol.