Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 20/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Rosa Quintana comprométese a realizar as xestións necesarias para que se habiliten axudas para a flota cefalopodeira

A CIG e representantes dos afectados mantiveron unha xuntanza na consellaría onde se lles avanzou que se bloqueará o acordo asinado con Mauritania
Cinco representantes dos tripulantes da flota cefalopodeira xunto co representante da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, reuníronse na tarde deste luns coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, para analizar a grave situación na que se atopa o sector por mor do convenio asinado pola UE con Mauritania. Unha xuntanza na que obtiveron o compromiso da conselleira para realizar as xestións necesarias e solucionar a situación xerada pola falta de axudas.

Representantes dos tripulantes da flota cefalopodeira á sua entrada no edificio administrativo de San Caetano para asistir á xuntanza coa conselleira do Medio Rural e do Mar.

Xabier Aboi explica que foi unha reunión ampla, na que se expuxeron as consecuencias derivadas do convenio que provocou a expulsión dos barcos cefalopodeiros galegos do caladoiro de Mauritania, nomeadamente no referido á falta de axudas para os tripulantes poderen agardar á súa renegociación.

Un problema de especial gravidade, segundo sinalou Aboi, porque entre o xoves e o venres remata o prazo para que estes traballadores, que na súa grande maioría teñen contratos por obra, soliciten a prestación por desemprego.

Segundo o representante da FGAMT-CIG, a conselleira dixo descoñecer o que estaba acontecendo, porque as informacións proporcionadas polos afectados nesta xuntanza e as recibidas desde Madrid contradicíanse. Malia iso, comprometeuse a falar na mesma tarde do luns e no decurso do martes coa Secretaría Xeral de Pesca e co Ministerio para que este asunto se solucione canto antes. “Do contrario teremos un problema realmente grave, porque se non se habilitan, os tripulantes terán que gastar o seu paro”, lembra Aboi.

Outro dos aspectos arredor dos que xirou a reunión foi sobre o decurso das negociacións para tombar o acordo pesqueiro. “Díxonos que cos contactos que estabeleceran até o de agora ou no Colexio de Comisarios ou senón no Parlamento se bloqueaba o acordo apalabrado pola Comisaria de pesca que é o que impide que a nosa flota vaia a Mauritania”.

Á espera de que iso ocorra, Aboi anuncia que seguirán presionando e mantendo xuntanzas a todos os niveis. De feito, para este martes teñen prevista unha xuntanza coa eurodeputada Ana Miranda.

E é que alén das aproximadamente 250 persoas directamente afectadas, a expulsión da flota cefalopodeira ten tamén repercusións para as persoas que traballan en terra, arranxando e preparando redes, nos talleres ou para as empresas das que dependen os barcos, algunhas delas familiares. “Onde menos xente se emprega é nos barcos e todos cotizan e pagan aquí os seus impostos e a súa seguridade social, algo que a Madrid e Bruxelas non lle importa en absoluto”.

cig.prensa@galizacig.com