Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 20/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: CIG-Ensino : : PP : : recortes : : Xunta :

A CIG-Ensino denuncia que Feijóo recorta nas baixas médicas máis do que o obriga o Goberno de Rajoy

A central nacionalista sostén que a Xunta vulnera unha normativa básica do Estado para quitarlle máis cartos ao funcionariado docente
A Xunta de Galiza aprobou en agosto a LEI 9/2012, mediante a que se adaptan os drásticos recortes de Rajoy ao conxunto da cidadanía e aos empregados/as públicos/os en particular (RDL 20/2012). Para a CIG-Ensino, o Goberno galego vulnera a normativa básica estatal para quitarlle máis cartos ao funcionariado docente aplicándolle uns recortes maiores que no resto do Estado durante os tres primeiros días de baixa. Diante disto, anuncian que acudirán á vía xudicial no caso de que non se dea marcha atrás na aplicación da medida.

Dende a central nacionalista lembran que Feijóo, demostrando outra vez que é algo máis que un alumno avantaxado na aplicación de políticas de recortes no sector público e para os seus empregados, xa implantara, no mes de marzo, mediante a Lei 1/2012, un recorte nos dereitos de todo o persoal do réxime xeral da Seguridade Social, o que no ensino público afectou ao persoal interino e substituto, ao persoal non docente e a profesorado de relixión.

Tamén aprobou que durante os tres primeiros días dunha baixa médica se recortasen as retribucións do seguinte xeito: na primeira baixa só se percibiría un 50%, na segunda baixa só se cobraría o 40% e a partir da 3º baixa non se cobraría nada. Feijóo, adiantándose a Rajoy, introduciu para os empregados e empregadas públicos/as o criterio de que estar enfermo é un falta que debe ser penalizada.

O Goberno Rajoy, no mes de xullo, aprobou unha extensa batería de medidas de recortes, especialmente graves para o sector público (redución da paga extra de Nadal, desconto retributivo nas baixas médicas) pero tamén para o conxunto das maiorías sociais (incremento do IVE, redución das prestacións por desemprego, perda de dereitos na representación sindical, etc).

Este 'recortazo' estaba lixeiramente por debaixo do que implantara Feijóo no desconto dos tres primeiros días as baixas médicas, xa que permitía para o persoal do réxime xeral deixar o recorte no 50%, independentemente do número de baixas, e dispoñía, expresamente, que esa porcentaxe do 50% era a que se lle tiña que recortar aos empregados e empregadas públicos/as do réxime especial de funcionarios/as civís. Neste colectivo inclúese a inmensa maioría do profesorado galego que forma parte de MUFACE (máis de 26.000 docentes).

No mes de agosto, cun procedemento de lectura rápida no Parlamento para impedir un trámite máis demorado que puidese dar lugar a un debate social de maior calado, Feijóo aproba a adaptación do 'recortazo' de Rajoy. E, no canto de revisar o que tiña feito, adaptándoo ao máximo que lle permitía o RDL 20/2012 e cumprindo escrupulosamente o que se dispón para os funcionariado mutualista, decide agravar e incrementar a presión e os recortes sobre os seus empregados públicos, mantendo os maiores recortes retributivos por baixas médicas para o persoal do réxime xeral. Ademais, vulnerando unha normativa básica do Estado, decide aplicar ese recorte aos docentes funcionarios de carreira, cando o RDL é claro ao indicar que este persoal “percibirá o 50% das retribucións tanto básicas como complementarias”.

Acudir á vía xudicial

O Goberno Feijóo aplícalle ao persoal docente funcionario de carreira, neses tres primeiros días, un recorte superior ao que lle fixa con carácter obrigatorio o Estado (os docentes galegos percibirán o 50% na primeira baixa, o 40% na segunda e nada na terceira e seguintes, mentres que o resto dos docentes no estado ou outros colectivos de funcionariado mutualista percibirá sempre o 50%, independentemente do número de baixas).

Esta norma non pode ser recorrida por unha organización sindical ao ter rango de lei. Desde a CIG-Ensino, esixímoslle ao goberno Feijóo unha rectificación urxente desta nova agresión aos empregados e empregadas públicos/as. Como CIG xa demostramos o noso rexeitamento total ás medidas implantadas polo goberno de Rajoy, que provocaron manifestacións multitudinarias no pasado mes de xullo, que seguen na actualidade con concentracións nos centros de traballo e que nos deben levar á convocatoria dunha folga xeral, precedidas de manifestacións previas en todas as cidades galegas.

Mais, independentemente de que o obxectivo último da CIG sexa dar marcha atrás a todos e cada un dos recortes de dereitos impulsados desde o goberno Rajoy, "non estamos dispostos a que os empregados/as públicos/as galegos/as sufran maiores recortes que os xa aprobados no Estado; ao goberno Feijóo non lle abonda con que os/as funcionarios/as docentes galegos/as sexan dos/as peor pagados do Estado, senón que agora tamén opta por penalizalo máis duramente cando estea de baixa médica".

Finalmente, adiantan que no caso de que o Goberno galego non dea marcha atrás, "verémonos na obriga de recorrer, como tantas outras veces, á vía xudicial por parte do profesorado directamente afectado para botar abaixo este nova discriminación".

cig.prensa@galizacig.com