O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que compareceu acompañado do Secretario Confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña, comezou a súa intervención facendo un balance da xestión do PP no Goberno da Xunta, para concluír que nos atopamos “ante un panorama nefasto”.
Seixo non dubidou en asegurar que o Presidente e candidato popular, Alberto Núñez Feijoo, lidera un goberno que colaborou abertamente coas políticas de axustes promovidas pola UE (postas en marcha no Estado seu momento polo PSOE e seguidas polo Executivo de Mariano Rajoy). Políticas cuxas consecuencias afectan de xeito grave aos servizos públicos e ao tecido produtivo, “e polo tanto a calidade de vida dos galegos e galegas”.
Neste senso, o Secretario Xeral da CIG denunciou a pasividade amosada polo Goberno da Feijoo ante o deterioro rexistrado no tecido produtivo, a base material do noso País, e elemento fundamental para o desenvolvemento económico. Así puxo os exemplos da crise no sector naval, o pesqueiro, o leiteiro ou mesmo o acontecido coas caixas de aforros, que en breve poderían quedar definitivamente desmanteladas e nas mans de entidades privadas.
Para visibilizar a profunda situación de deterioro á que chegaron ás condicións laborais e sociais nestes anos, o representante da CIG lembrou que, segundo os últimos datos da EPA, en Galiza contabilízanse máis de 275.000 desempregados/as (o 21% da poboación activa), dos que 160.000 pasaron a engordar as listas do paro durante a “era Feijoo”. “Todo un logro das políticas para rematar co desemprego que dicía que ía pór en marcha”, ironizou.
Abundando nestas cifras, Seixo sinalou que 50.600 desempregados/as corresponden ao sector industrial; un sector básico para o desenvolvemento económico de Galiza, que ao mesmo tempo é o que crea emprego de maior calidade e estabilidade. Ademais, mentres o número de parados/as de longa duración xa ascende a máis de 76.000 persoas, a emigración entre a xente nova continúa en crecemento.
Ante este panorama social e económico profundamente preocupante -que previsibelmente empeorará ao longo do vindeiro ano en función das medidas que se están a aplicar- e a convocatoria de eleccións para o 21 de outubro, a CIG “non pode xogar a ambigüidade” polo que acordou pór en marcha esta intensa campaña de axitación, para denunciar, a través de asembleas nos centros de traballo, actos na rúa e mobilizacións, cales son as verdadeiras consecuencias das políticas de recortes do Partido Popular.
Esta campaña, rematará nunha primeira fase coa convocatoria de manifestacións comarcais o día 4 de outubro, coincidindo coa data de inicio da campaña electoral, e chamando á cidadanía a que rexeite na rúa as políticas aplicadas até agora.
O obxecto destas actuacións avogan tamén polo triunfo nos comicios de forzas políticas que estean decididas a enfrontarse ás medidas antisociais promovidas dende a UE e o goberno español, que sexan sensíbeis aos intereses reais da clase traballadora e de Galiza como nación, nun momento ademais, no que se está aproveitando para recortar competencias ás autonomías. “Votar PP é condenar a este País a unha situación sen saída, tanto na orde material como no que ten que ver co tecido produtivo e os dereitos sociais, culturais e lingüísticos”, afirmou.
Convite a CCOO e UGT
O Secretario Xeral da CIG explicou que a central nacionalista, en aras de dar continuidade ás mobilizacións conxuntas e acumular o maior apoio social posíbel, xa convidou a CCOO e UGT a sumarse a esta convocatoria. Porén, lamentou que as dúas organizacións sindicais non vexan clara a data elixida pola central nacionalista, xa que lles coincide coas manifestacións a nivel estatal que teñen organizadas para o día 8 de outubro.
A este respecto Seixo sinalou que a CIG non vai interferir nestas convocatorias, pero subliñou que tamén se debe respectar a dinámica propia do noso País, máxime tendo en conta que estamos en pleno período de precampaña electoral.
Así as cousas, a CIG estaría disposta, co obxecto de continuar coa colaboración conxunta, a participar nestas manifestacións do día 8 de outubro, pero “agardamos que en correspondencia coa nosa actitude CCOO e UGT estean dispostos a convocar conxuntamente para a xornada do día 4”.
Manifestacións en todo o país
Vigo: 20.00 h desde Vía Norte
A Coruña: 20.00 h desde a praza de Vigo
Pontevedra: 20.30 h desde a praza da Ferrería
Ferrol: 20.30h desde a av. de Esteiro
Compostela: 20.30 h na praza Roxa
Lugo: 20.30 h desde Ronda da Muralla, 58
Ourense: 20.00 h no pavillón dos Remedios
Vilagarcía: 20.30h na Casa do Mar
Foz: 20.00 h na Casa do Concello