Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 21/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Remata o xuízo contra os 13 do Metal, sen aportar a acusación ningunha proba mais alá de declaracións policiais contraditorias

A CIG non asina o preacordo do Convenio do Metal, asinado por CCOO e UGT, que recolle a mesma proposta salarial que presentaron os mediadores no mes de xuño durante a folga e que fora rexeitada
O 21 de outubro tiña lugar a terceira xornada do macroxuízo contra trece traballadores do Metal, que no 2006 se mobilizaron pola negociación do convenio. Desta volta foi a quenda das testemuñas aportadas polos acusados, e no que desde compañeiros/as de traballo, representantes sindicais da CIG ou até mesmo un fotógrafo, presente naquela mobilización, aportaron declaracións claras, nas que se aportaba a auténtica crónica do que aconteceu aquel dia: brutais cargas pola cidade e detencións arbitrarias, que finalmente concluiron neste xuízo. Por outra banda, CCOO e UGT asinaron coa Patronal o preacordo para o convenio do Metal, ao que a CIG se opón xa que é a mesma proposta que foi presentada polos mediadores en xuño, no decimoterceiro dia de folga, e que daquela fora rexeitada polo conxunto dos traballadores/as do sector.

"Rematou o macroxuízo que tivo lugar estes dias contra os nosos 13 compañeiros, e o que queda claro é que non se aportou por parte da acusación ningunha proba máis alá de declaracións dos policias, que foron moi contraditorias. Agardamos a sentenza para dentro dun mes e estaremos á expectativa, porque non imos consentir que ningún dos 13 compañeiros sexa condenado, polo que esperamos a súa libre absolución", asi informaba Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, ás portas do Xulgado aos delegados e delegadas da CIG-Metal presentes na terceira xornada do xuízo contra os 13 do metal, que foi tamén o terceiro dia de mobilización contra a represión policial e sindical.

Concentración no Xulgado

Desde as nove e media da mañá comezaron a chegar delegados e delegadas do Metal para amosar de novo a súa solidariedade aos trece traballadores do sector que se enfrontaban ao seu terceiro dia de proceso xudicial. Alí permaneceron concentrados até que perto da unha da tarde remataron de presentar as partes as súas conclusións e peticións de penas, despois dunha mañá na que foi o momento de declarar das testemuñas aportadas pola defensa. 

A petición fiscal volveu ser a mesma, tanto na cuestión das peticións de cárcere como nas cuantiosas multas.

"Este é un proceso que veu viciado e que tentaba influir mesmo na resolución do convenio, e o único que agardamos é a libre absolución destes compañeiros", insistiu Malvido, ás portas do Xulgado e en declaracións aos medios de comunicación".

CCOO e UGT asinan un preacordo para o Convenio do Metal

Na noite do martes 20 de outubro tiña lugar a sinatura dun preacordo para o Convenio do Metal da provincia de Pontevedra, asinado por CCOO e UGT, asi como por todas as asociacións empresariais, agás Instalectra e Foncalor.

Ás 11.30 asinabase este preacordo, xa que até ese momento estiveron facendo a acta do preacordo, asi como se retocou a cuestión do incremento salarial para o segundo e terceiro ano, xa que a CIG denunciara que tal e como estaba redactado non garantía ningún tipo de suba.

Acordo insuficiente para a CIG

A CIG avaliou esta proposta como insuficiente xa que "no tema da xornada temos unha proposta con menos garantías e inferior que a de xuño, e no tema salarial temos a mesma oferta que no mes de xuño, que fora rexeitada en plena folga polo conxunto dos traballadores, e deixa sen solucionar a cuestión da regulación da contratación no naval", indicou o secretario nacional da CIG-Metal.

Asemblea para a próxima semana

A CIG comezará un proceso de reunións e asembleas cos seus afiliados e afiliadas no sector para dar unha explicación e as razóns desta avaliación negativa do preacordo. 

Malvido lembrou que "o luns 19, ás portas do Xulgado, aqui xa houbo unha asemblea onde explicamos cal era a nosa postura diante deste previsíbel preacordo e porque o rexeitabamos".

"A unidade de acción sindical queda moi tocada"

Nese sentido, e sobre o posicionamento a prol deste preacordo por parte das centrais sindicais CCOO e UGT, Malvido salientou que "a unidade de acción sindical queda moi tocada neste momento porque tiñamos un compromiso de manter esta unidade para sacar o convenio adiante, e para a nosa sorpresa cando os mediadores fixeron esta proposta a semana pasada e nós como sindicato dixemos que non valía a mesma mediación de hai catro meses, pois a CCOO e UGT si que lles valía, e a verdade é que agora esa unidade de acción sindical queda moi en entredito".

 

cig.prensa@galizacig.com