Esta medida xa foi incluída na reforma das pensións aprobada o pasado 27 de xullo e desde o pasado 2 de agosto, a Lei sobre Adecuación, Adaptación e Modernización do Sistema da Seguridade Social recolle que quen realizou prácticas de formación como bolseiro/a pode computar até un máximo de 2 anos deste período na carreira de cotización necesaria para ter acceso á xubilación. Unha vez publicado no BOE, a medida entraría en vigor o 1 de novembro.
A partires deste día, todas as persoas que fagan prácticas cotizarán á Seguridade Social, estando as empresas obrigadas a dalas de alta, sempre e cando reciban unha contraprestación económica. É dicir, os bolseiros e bolseiras terán dereito a cobrar a baixa por enfermidade ou a recibir indemnizacións por accidentes de traballo, mais non terán dereito ao desemprego e a recibir indemnizacións do FOGASA.
Aqueles traballadores/as que fixeran prácticas con anterioridade á data sinalada terán a opción de subscribir un convenio especial (até o 31 de decembro de 2012) que faga posíbel o cómputo de cotizacións polos períodos de formación realizados no pasado, até un máximo de 2 anos, debendo facerse cargo do ingreso das cotizacións. Neste caso, aplicaráselle un coeficiente do 0,77%.
O pasado 26 de agosto a través do Real Decreto de Medidas Urxentes para a promoción do emprego dos mozos, o goberno español xa impulsara medidas que, no canto de mellorar a empregabilidade da mocidade tomando como partida as necesidades laborais desta, o que fixeron foi impulsar a temporalidade e precarizar aínda máis o emprego da mocidade a través de figuras como o contrato lixo.
Por iso, explica a Secretaria da CIG-Mocidade, Margarida Corral, “a pesares de que poidamos valorar como positivo unha proposta relacionada con garantir a cotización de calquera persoa que desempeñe uns servizos, rexeitamos de xeito rotundo que sexa o propio traballador ou traballadora quen se teña que facer cargo da mesma, e máis aínda, que non se aproveite para regular unha figura que, até o de agora, segue a estar á marxe da protección por non ter ningunha relación laboral contractual. Máis aínda cando se deixa fóra da proposta aos bolseiros e bolseiras sen contraprestación, e que, por tanto, traballan de balde”.
Esta medida é, pois, unha mellora cativa que debe entenderse dentro do marco dunha política nefasta do goberno de cara á mocidade, sustentada, coma sempre, na situación de crise económica, unha crise que, a pesar de non ter orixe algunha no ámbito laboral, son as traballadoras e traballadores quen a están a pagar, e particularmente, a mocidade.
“Desde a Secretaría da Mocidade da CIG consideramos que as ultimas medidas aprobadas polo goberno español veñen a fondar aínda máis a xa de por si difícil situación que a xuventude está a atravesar. Non podemos deixar pasar desapercibidas unhas medidas que promoven a temporalidade, desregulan o mercado e afondan na desigualdade, no recorte de dereitos e a falta de estabilidade laboral”.
Por iso dende a Secretaria realizouse un chamamento á manifestación prevista para este domingo 23 de outubro, ás 12:30 horas na Alameda de Compostela, “porque consideramos que SI EXISTEN ALTERNATIVAS a este modelo e a estas políticas neoliberais, para unha mellor defensa dos intereses da mocidade e de toda a maioría social, da clase traballadora”.