Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Convocada folga de limpeza nos hospitais dependentes do CHUS

Está previsto que se desenvolva, inicialmente, o vindeiro día 2 de novembro e a partir de aí todos os mércores
Os traballadores da concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais dependentes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), xunto con representantes da CIG, UGT e CUT, anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de folga para o día 2 de novembro e a partir de aí todos os mércores. Exixen que se lles abonen os cartos adebedados, que non se lles modifique o convenio a través do prego de condicións da nova concesión e que se manteñan os cartos destinados a esta para evitar que haxa despedimentos. Recortes que advirten, repercutirán negativamente na calidade do servizo.

En representación das traballadoras, a presidenta do comité de empresa do Hospital Provincial e o do Clínico denunciaron que a empresa concesionaria –CLECE- adebédalles, desde hai máis de ano e medio, un concepto que se chama carreira profesional –uns 120 euros mensuais a cada traballador/a- e que malia contar cunha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, de hai catro meses, que obriga a efectivizar o seu pagamento nin a empresa o asumiu, nin o SERGAS a obrigou a cumprila.

Xunto a isto denuncian que o SERGAS recortou en case que 700.000 euros anuais a concesión para a nova contrata e temen que iso provoque despedimentos e recortes de dereitos. “Iso non o imos consentir de ningunha maneira”, din.

Ademais entenden que é inadmisíbel que no prego de condicións para a concesión á nova contrata se inclúan conceptos que vulneran o convenio colectivo, como cambios de horarios, de zonas de traballo que non se corresponden coas que teñen encomendadas ou que se eliminen as especificacións das funcións do persoal, que si aparecen delimitadas polo miúdo no actual convenio.

De feito, sinalan que nos pregos de contratación tampouco se estabelece un mínimo das presenzas diarias necesarias e demandadas polo SERGAS. Pola contra, “déixase a porta aberta a que as empresas oferten segundo o seu criterio, sen exixir o cumprimento das actualmente existentes e comprometidas”.

 Tras varias xuntanzas co SERGAS, sinalan que na última, á que asistiu María José Campos, esta asegurou que o SERGAS sempre ia a obrigar á empresa a que pagara os salarios dos traballadores/as e a cumprir o convenio, cando coa empresa que está actualmente non o fixo nunca. “Mesmo temos menos persoal que hai catro anos”.

Este conflito vense arrastrando practicamente desde que esta empresa é concesionaria. Existen varios requirimentos da inspección de traballo que non se cumpriron, pero aseguran que “o SERGAS pasa sistematicamente e como empresa principal non obriga á empresa a asumir as súas obrigas legais coas traballadoras e traballadores”.

A área de influencia do CHUS vai desde a comarca de Santiago a Muros, Noia, Lalín, Silleda, Outes ou Melide, entre outros concellos é atende a case que 400.000 usuarios/as.

cig.prensa@galizacig.com