Un día máis de loita, de berros por un convenio xusto, de chifres e barullo por distintas zonas da provincia de Pontevedra para demandar unha mellora da situación laboral das traballadoras e traballadores da limpeza. Firmeza nos grupos de piquetes, que operaron ao longo de toda a semana, e que nunha situación de forte presión e acoso policial, como é a de Vigo, continuaron reclamando nas rúas o que lles pertence: deixar de ter uns salarios que de media non superan os 753 euros.
Asi, en Vigo, na mañá o grupo de piquetes, conformado por unhas 250 traballadoras/es do sector, visitaban os colexios privados, a zona comercial de Principe, o centro comercial de A Laxe, Inspección de Traballo (onde se volveu denunciar a vulneración do dereito á folga que se está a realizar en moitos centros de traballo), El Corte Inglés e o Centro Comercial Gran Via, entre outros espazos.
Hostilidade e forte presenza policial
Ao seu paso, os centros de traballo pechaban as súas portas, e continuaban con moito ánimo as folguistas esta auténtica maratón pola cidade de Vigo, sempre rodeada dun forte dispositivo de antidisturbios. Á tarde, a hostilidade policial fíxose máis forte, aínda que non evitaron que as traballadoras de limpeza en folga continuaran visibilizando polo centro de Vigo as súas demandas, mesmo entrando noutras áreas comerciais como o Centro Comercial As Camelias
Piquetes en Sanxenxo e Marín
Desde a comarca de Pontevedra continúan extendendo o conflito a novas zonas, con accións como a de acudir até o concello de Sanxenxo, para denunciar os servizos mínimos abusivos fixados polo Concello. No Salnés tamén se están a realizar piquetes e o seguimento da folga continúa a ser xeralizado. Ademais, pola tarde conseguiuse paralizar a actividade das traballadoras da limpeza do porto de Marín.
Patronal ausente
Fronte á dignidade das traballadoras e traballadores da limpeza, encóntrase unha patronal ausente, que non acudiu á xuntanza convocada en Compostela por Traballo para abordar a negociación do convenio. O 21 de novembro pola tarde Traballo chamou a unha xuntanza á patronal do sector, para tratar o conflito laboral aberto na limpeza de edificios e locais en Pontevedra.
As centrais sindicais convocantes desta folga continuarán a mobilizarse esta fin de semana, con piquetes sábado e domingo xa previstos, e á espera de que comecen as negociacións por un convenio xusto e digno.
Máis imaxes
Podedes atopar máis imaxes do que están a ser estas mobilizacións desde o seu comezo até a noite do 21 de novembro na Galeria Fotográfica da nosa web