Os traballadores reuníronse en asemblea contra as 14:00 horas e, acto seguido, iniciaron un peche indefinido nas oficinas. Demandan que os responsábeis de Copo Ibérica reciban o comité para que explique a situación da compañía e readmita os despedidos. Ás 22:00 horas do 21 de novembro está prevista a celebración dunha asemblea, nesta ocasión, dirixida aos obreiros da quenda de noite.
Francisco Miranda Vigo, presidente do comité de Copo Ibérica, delegado da CIG e secretario confederal de Propaganda do sindicato, asegura que o peche se vai estender até que a empresa admita as demandas dos traballadores. Do contrario, “permaneceremos aquí, aínda que nos teña que desaloxar a Garda Civil”.
As “razóns” da empresa
A empresa alega que os despedimentos se deben a causas “técnicas, organizativas e de produción”. Copo Ibérica ofrécelles aos 18 afectados unha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades. Os despedidos teñen unha antigüidade na empresa que oscila entre 15 e 30 anos.
Copo Ibérica dedícase a producir recheos e repousacabezas para Citroën e Renault. Conta cun cadro de persoal de 250 traballadores.