Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Miles de persoas enchen a Praza da Quintana en defensa da Sanidade Pública

Denunciáronse as políticas privatizadoras do PP e a redución dos orzamentos destinados a esta materia
Ducias de miles de persoas percorreron as rúas de Compostela, este domingo, para defender a Sanidade Pública e contra as políticas privatizadoras postas en marcha polo Partido Popular desde a súa chegada ao goberno. A Manifestación, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, rematou na Praza da Quintana, onde se deu lectura a dous manifestos, o primeiro asinado por representantes do mundo da Cultura e o segundo da propia plataforma.

Tras da lectura do segundo manifesto, rematou a manifestación, baixo unha intensa chuvia e coa música da cantante Uxía Senlle.

Manifesto de SOS Sanidade Pública:

 Estamos aquí hoxe, convocados para dar unha resposta ao grito de socorro que manda a sanidade pública, e a resposta a ese S.O.S. non podía ser outra que a vosa presenza neste acto.

Como sabedes, a política sanitaria da actual Xunta de Galicia está a deteriorar e facer inviable economicamente o sistema sanitario público galego como paso previo a súa privatización.

Co argumento de que a crise económica obriga a reducir gastos e a buscar apoio no sector privado, a Consellería de Sanidade tomou dúas importantes decisións que supoñen un punto de inflexión para o futuro da sanidade pública galega:

-         Por unha parte: Reducir o orzamento do Sergas do ano 2011 en 167 millóns de euros (181 millóns no total da Consellería de Sanidade); o gasto corrente, destinado ao funcionamento dos hospitais e centros de saúde, perde 33 millóns e os investimentos, para o mantemento dos centros sanitarios e renovar o seu equipamento perde 59,1 millóns.

-         E por outra: Dar entrada ao capital privado no financiamento e xestión das novas infraestruturas sanitarias recorrendo a Colaboración Público-Privada (PFI ou Concesión de Obra Pública) que multiplicara por seis o custe total dos centros seguindo o exemplo das Comunidades Autónomas de Valencia e Madrid, onde tamén goberna e Partido Popular.

As consecuencias destas decisións afectaron xa, de xeito importante, ao sistema:

- Retraso na apertura do hospital de Lugo (que leva anos terminado), facéndose o equipamento con capital privado e privatizando o servizo de lavandería. 

- Privatización e retrasos na construción do Novo Hospital de Vigo e da ampliación do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Estas dúas obras, que tiñan previsto un financiamento e construción a través da Sociedade Pública de Investimento, son agora entregadas ao sector privado que asumirá o seu financiamento, construción e xestión (parcial) a través da fórmula de colaboración Público-Privada (PFI), que encarecerá entre tres e cinco veces o que nos constarán estas novas infraestruturas sanitarias. O novo Hospital de Vigo será bastante menos ambicioso en tamaño e servizos que o que estaba inicialmente previsto e, en Pontevedra, a ampliación do Hospital de Montecelo é substituída polo proxecto privatizador de Monte Carrasco.

- Anuncio da cesión ao sector privado dos novos recursos de alta tecnoloxía  dos hospitais públicos, comezando pola radioloxía e os laboratorios.

- Abandono do Plan de Mellora de Atención Primaria que tiña previsto investir 62 millóns de euros en catro anos para resolver a masificación das consultas e súa baixa capacidade resolutiva. Construción dos novos centros de saúde con financiamento privado.

- Abandono do Plan de Saúde Mental, do Plan de Drogodependencias e da atención sociosanitaria.

- Eliminación da actividade dos hospitais públicos pola tarde, desviando aos pacientes a centros privados concertados o que ocasionou o incremento das listas de espera.

- Anuncio do peche dos servizos de radioloxía de urxencia nos hospitais comarcais para concentralos nun só centro, afastando aos pacientes dos especialistas, limitando a realización de ecografías e substituíndoas por TACs, mais caros e que someten a radiación innecesaria ao paciente. Os informes radiolóxicos pretenden que os fagan os radiólogos nos seus domicilios ou nas empresas privadas.

- Asignación da Nova Central de Chamadas (112) a unha empresa privada coa sede en León e cos seus traballadores en Sudamérica.

- Inicio do proceso de desmantelamento das áreas sanitarias, necesarias para a planificación e a asignación equitativa  dos recursos sanitarios.

- Anulación de todos os acordos alcanzados cos sindicatos nas Mesas Sectoriais que contemplaban melloras salariais e das condicións de traballo, volvendo aos contratos lixo.

 

Todo isto ten como resultado unha importante perda de calidade da atención que se presta dende o sistema sanitario, e a cidadanía xa está comezando a padecelo.

Núñez Feijoo e o seu goberno saben que esta política é incompatible co mantemento da Sanidade Pública, xa que os enormes custos e o endebedamento asociados ao financiamento privado non poden ser asumidos, e menos aínda no contexto dunha crise que reduce os ingresos da facenda pública. A Xunta coñece perfectamente os sucesivos informes dos Tribunais de Contas de Valencia e Madrid que denuncian o enorme endebedamento sanitario que leva a bancarrota á estas comunidades autónomas por recorrer ao financiamento privado para os novos centros sanitarios.

A pesares desta evidencia, recorrer a colaboración público-privada (PFI) constitúe un dos alicerces craves da estratexia política de Núñez Feijoo pois:

-         Permitiralle ocultar o endebedamento da CCAA que por ser contraído pola fórmula PFI non se contabiliza como tal nin aparece reflectido no orzamento autonómico. 

-         Proporcionaralle unha importante baza electoral de cara ás próximas eleccións como é construír novos hospitais e centros de Saúde cuxos sobre custes pagaran as futuras xeracións.

-         Proporcionaralle a xustificación para introducir o copago, acabar coa universalidade da oferta sanitaria pública e privatizar boa parte do sistema, dada a imposibilidade de facer fronte ao pago do enorme endebedamento contraído co sector privado.

-         Permitiralle, tamén, aparecer como líder neoliberal  comprometido coa privatización sanitaria e facilitaralle o apoio político e económico dos bancos, grandes construtoras e multinacionais da sanidade, beneficiarios directos do modelo sanitario que quere implantar.

Por todo isto non é previsible que o actual presidente da Xunta de Galicia cambie de estratexia, salvo que a maioría da cidadanía, das veciñas e veciños, das traballadoras e traballadores sanitarios (e ata unha grande parte do sector empresarial galego) sexan conscientes de que esta política terá serias consecuencias para os seus intereses e necesidades sanitarias.

Para defender á Sanidade Pública deste ataque é necesario conseguir unha enorme mobilización social, que inclúa a toda a cidadanía xa que todas e todos pagaremos as consecuencias de perdela.

Esa enorme mobilización social comeza hoxe, aquí, coa forza de todas e de todos, coa vosa forza, coa forza da razón, na defensa e mellora da Sanidade Pública.

 

cig.prensa@galizacig.com