Dende o órgano de representación do persoal lembran que nestes dous anos de regulacións continuadas e despedimentos, en todo momento os traballadores/as estiveron representados “con toda a pluralidade que deron as eleccións sindicais” e en dita Mesa de Seguimento estivo presente un delegado de casa sección sindical (CIG, UGT e CCOO) xunto á Presidencia do Comité.
Porén, agora neste cuarto ERE, a Dirección négase a recoñecer tal representación e comunicou, de forma unilateral, que só vai admitir dous representantes na Mesa. Con esta decisión, a empresa deixa fóra (durante dous meses dos tres que dura a regulación de emprego) a dous sindicatos que teñen representación en EMESA.
Ademais, ao día seguinte de que o Comité contestase ao requirimento trasladado pola dirección á respecto da confección da lista de compoñentes da Mesa de Seguimento, un dos traballadores integrantes da mesma foi posto en regulación de emprego. Con esta decisión, a dirección deixa sen representación de ningún tipo a un sindicato e, polo tanto, “desprotexidos os seus afiliados/as. Esta situación repetirase nos sucesivos meses, deixando sen representación sindical a moitos traballadores/as da empresa”, recóllese no escrito dirixido á Inspección de Traballo.
Para o Comité estas acción enmarcaríanse dentro da persecución sindical que a empresa está a levar a cabo.