Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: Alfageme : : fgamt :

As traballadoras/es de Alfageme cobrarán a nómina de novembro íntegra

Manifestáronse polas rúas de Vigo e concentráronse diante da delegación da Xunta de Galiza, de Promalar e de Caixanova
As traballadoras e traballadores de Alfageme recibiron a confirmación de que cobrarán a nómina do mes de novembro en plena concentración diante da delegación da Xunta de Galiza en Vigo. Alí chegaran en manifestación tras saír das dependencias da empresa, en Bouzas, onde permaneceran pechadas toda a fin de semana. O persoal da conserveira marcha agora de vacacións pero xa se prevén novas xuntanzas no mes de xaneiro, para valorar posíbeis mobilizacións en función da situación. Aínda se lles adebeda a paga extra de Nadal.

No decurso das mobilizacións previstas para a mañá do luns 21 de decembro, nas que participaban, xunto coas traballadoras da factoría de Alfageme en Vigo, as de Ribadumia, chegaba a noticia: as nóminas correspondentes ao mes de novembro serán pagadas. Porén, a alegría inicial deu paso á dúbida. Ao tempo que chegaba esa información as traballadoras recibían a noticia de que a empresa impedía que se pagara a nómina na súa totalidade, para poder desviar cartos para adquirir materia prima.

O secretario nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, explica que ante esa información acordaron desprazarse até as dependencias de Caixanova para pedir explicacións sobre este asunto. Piñeiro sinala que desde a entidade financeira confirmaron que as nóminas serán ingresadas na súa totalidade.

Alfageme estaba á espera de que se efectivizara o crédito ponte que solicitara a Banco Popular e Caixanova, como adianto do crédito de 9 millóns de euros que vai conceder o IGAPE á compañía.

Malia a boa noticia as traballadoras acordaron continuar coa manifestación até Promalar, propiedade do dono de Alfageme, a onde non puideron acceder porque as portas estaban pechadas. Tras 10 minutos de concentración deuse por rematada a xornada de mobilizacións para que puideran regresar ás súas casas as compañeiras chegadas de Cambados e Vilaxoán.

O persoal marcha agora de vacacións até o día 4 de xaneiro. A partir desa data retomaranse as xuntanzas para valorar a necesidade de que se convoquen novas accións, en función da situación.

cig.prensa@galizacig.com