Nin o frío, nin a choiva nin o xeo desanimaron aos traballadores e traballadoras das instalacións deportivas de todo o País, que este luns desenvolveron a terceira xornada de folga consecutiva no sector á espera de que a patronal mova ficha e presente unha proposta negociábel e asumíbel para ambas partes que poña punto e final a un conflito que se vén prolongando dende hai dous anos.
O persoal, que tamén levou a cabo concentracións en varios puntos do País, estase preparando para a protesta nacional que van desenvolver na xornada do martes en Compostela diante da Secretaría Xeral para o Deporte, onde reclamarán á administración galega que se implique neste conflito, xa que até agora gardou un total silenzo. A este respecto, hai que lembrar que a maior parte das empresas so sector está en réxime de concesión prestando Servizos Públicos, de ámbito municipal ou autonómico. Isto obriga á Xunta a termar da cualidade do servizo que está en relación directa coas condicións laborais dos traballadores/as que o prestan.
Concentración diante dos edificios das administracións
Como ocorrera hai un mes, os traballadores e as traballadoras concentráronse diante dos edificios da Xunta en A Coruña, á espera de ser recibidos polo “superdelegado” na provincia, Diego Calvo, e trasladarlle as súas reivindicacións. Logo de pasar un tempo sen que saíse ninguén recibilos, os representantes do persoal entraron no edificio administrativo na procura de consensuar unha entrevista.
Ao igual que na anterior ocasión, foi a secretaria quen recibiu aos representantes sindicais e lles comunicou que o responsábel político non se atopaba no edificio, pero que se comprometía a manter unha xuntanza cos traballadores/as antes de que remate o ano. Promesa que dende o conxunto dos traballadores/as foi acollida cun elevado escepticismo.
Dignificar as condicións laborais
As organizacións sindicais denuncian a intransixencia dunha patronal que, despois de dous anos de conflito, é incapaz de sentar a pechar un convenio colectivo de ámbito galego que homologue as condicións de preto de 3.000 traballadores/as, dignifique os seus salarios e garanta unha xornada traballo que permita conciliar a vida laboral e familiar.
As reivindicacións do persoal céntranse basicamente en catro aspectos: o estabelecemento dun convenio que cubra todo o sector, a modificación das condicións da Incapacidade Temporal, melloras salariais e a regulación da xornada laboral. Cómpre lembrar que aos traballadores lles aplican até cinco convenios diferentes: limpeza, sidero-metalúrxico, ensino privado non regrado, hostalaría e o estatal de instalacións deportivas.
A patronal oferta agora uns salarios que son inferiores aos que cobraban os traballadores/as no ano 2003, cando aínda estaba vixente o anterior convenio. Axidega ofrece un salario base de 700 euros que, sumadas as porcentaxes do 2´3% para 2010 e do 3´3% para o 2011, acadaría neste último ano a cantidade de 800 euros.