Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Xornadas en Vigo e Ferrol sobre amianto e pedra natural

Presentáronse tres Guías relativas á prevención, boas prácticas e implantación de Servizos de prevención mancomunados
O Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG presentou o pasado venres, día 18 de decembro en Ferrol, unha xornada técnica na que se fixo a presentación pública de dúas novas publicacións elaboradas polo Gabinete. Ademais, este luns presentouse en Vigo a publicación, “Identificación de Riscos Laborais e Guía de Boas Prácticas para o Sector da transformación de Pedra Natural”. 

Na xornada celebrada en Ferrol, participaron os técnicos/as do Gabinete que colaboraron na elaboración da publicación “Compilación normativa e boas prácticas sobre o amianto”, Paula González, Eva Mª López e Anxo Pérez Carballo. O acto foi presentado por Alfonso Tellado.

Coa publicación relativa ao amianto, a CIG pretende cubrir unha lagoa existente na información a disposición dos traballadores/as e pór a disposición do público en xeral unha nova ferramenta preventiva activa que facilite o coñecemento sobre os perigos do amianto.

Segundo explica o Director do Gabinete, Fernando Sabio, “a CIG, como sindicato comprometido neste tema quere estabelece un chanzo máis na nosa denuncia da situación presente nas malas praxes en desamiantado por parte das empresas que non se atopan rexistradas no RERA, con quen non protexe a saúde dos seus empregados/as, coa defensa e a protección dos dereitos sanitarios, elaborando un documento con propostas específicas no tratamento actual do amianto, que sirva para unha colaboración estreita cos nosos delegados/as, dentro das empresas. É unha obriga moral coa nosa sociedade rematar, dunha vez por todas, cos danos que ocasionou e está a ocasionar este mineral asasino”.

Esta guía permitirá, xa que logo, presentar unhas pautas correctas de actuación e de como facelas cumprir a todos os niveis. Porén, a guía non debe ser considerada como un todo, senón como un conxunto de diferentes apartados que poderán ser consultados individualmente, sen a necesidade de seguir unha liña argumental do principio ao final.

Pretende, polo tanto, ser unha obra de consulta para toda aquela persoa profana ou non na materia, á que lle interese algunha parte da mesma.

Servizos de Prevención mancomunados

Nesta xornada tamén se presentou a “Guía práctica de implantación de Servizos de Prevención Mancomunados”, que recolle propostas para a incorporación deste modelo de xestión preventiva en empresas que coexisten en espazos comúns: polígonos industriais, centros comerciais, zonas portuarias...

Trátase dunha publicación na que se ofrecen orientacións sobre a implantación deste modelo de xestión  da prevención considerado como un dos que mellores posibilidades ofrecen de cara a facilitar a aplicación da prevención á tipoloxía das empresas existentes na Galiza.

Transformación da pedra natural

Na xornada deste luns en Vigo, na que participaron o responsábel Nacional da Federación de Construcción e Madeira, Xosé Xoán Melón González, o Secretario Comarcal Serafín Otero, así como os autores/as da Guía, Anxo Pérez Carballo, Marifé Peteiro e Ana Santiago, preséntanse os contidos e a fundamentación da súa elaboración.

“A decisión da abordaxe desta temática”, explica Sabio, “xurde da existencia dunha necesidade obxectiva de elaborar un documento que servise aos traballadores e traballadoras da transformación de Pedra Natural para protexerse diante dos riscos derivados das súas condicións de traballo”. Péchase, deste xeito, o traballo realizado polo Gabinete Técnico de Saúde Laboral sobre o un Sector cunha problemática de saúde moi elevada que se manifesta nas consecuencias para a saúde de traballadores/as polas condicións na que desenvolven o seu traballo.

Unhas condicións que teñen chegado a unhas dolorosas consecuencias para a saúde cun elevado número de traballadores do sector que teñen visto como severas enfermidades profesionais limitan a súa calidade de vida. É unha realidade científica recoñecida que a silicose e outras neumoconioses son o máis grave risco ao que se enfrontan os traballadores da pedra natural, pero que, contrariamente a toda lóxica, continúa ocasionando penosas enfermidades aos traballadores/as do sector.

Unha situación que “cremos que ten que cambiar substancialmente e que queremos desterrar das empresas galegas contribuíndo, para elo, con esta ferramenta” afirma o Director do Gabinete Técnico.
cig.prensa@galizacig.com