Até o momento, a sección recollía as noticias xeradas pola Secretaría, mais dende agora permitirá o acceso a sete apartados diferenciados e con contidos que se actualizarán a miúdo. A esta sección pódese acceder picando no botón “Muller” que aparece na parte inferior dereita da portada do Avantar, o xornal dixital da CIG (www.galizacig.com).
Entre os novos apartados hai un dedicado á información relativa á historia da Secretaría da Muller; acceso a guías dirixidas a delegadas e delegados en relación ao emprego dunha linguaxe non sexista, plans de igualdade e prevención de riscos laborais no embarazo e na lactación, á negociación colectiva dende unha perspectiva de xénero e outras publicacións dirixidas a analizar os dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero.
Nesta sección tamén se pode atopar documentos e pronunciamentos da Secretaría da Muller da CIG, tais como as recentes emendas presentadas á Lei de Familia, estudos sobre a muller e o mercado de traballo en Galiza, o Plan de Acción para a Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres da CIG, etc..
Outra das seccións a destacar refírese ás campañas que a Secretaría da Muller ten realizado dende o ano 1994 até a actualidade, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora e o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e unha relación dos premios e mencións outorgados con motivo do 8 de Marzo. Así mesmo, pódese acceder a un histórico das campañas nas que participou e convocou, no seu momento, a Secretaría da Muller da INTG e a CXTG.
Coa intención de poder ofrecer á afiliación un acceso rápido e conciso da lexislación relativa á igualdade de oportunidades e á violencia de xénero, creouse tamén un apartado onde se pode descargar dita documentación, así como información sobre as axudas e prestacións relacionadas coa conciliación da vida familiar e laboral e a igualdade.
Dende a Secretaría da Muller da CIG agardan que esta nova ferramenta web axilice a busca de respostas a problemas que se poden presentar a diario no ámbito laboral e poida ser de utilidade para o conxunto da clase traballadora.