Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/12/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Expulsan do Parlamento aos representantes da plataforma SOS Sanidade Pública

Ergueron carteis contra a privatización e os recortes e repartiron un “kit” de supervivencia hospitalaria entre os deputados/as, con útiles de aseo e comida
A Plataforma “SOS Sanidade Pública”, que aglutina a todas as plataformas en defensa da Sanidade Pública constituídas nas diferentes áreas sanitarias, convocou na tarde deste mércores, coincidindo co debate dos orzamentos, unha concentración diante do Parlamento de Galiza. Mentres representantes das numerosas plataformas do país denunciaban que “O público é servizo, o privado beneficio” fronte o edificio do Hórreo, no interior, membros desta plataforma levantaban carteis en defensa do sistema público e contra as privatizacións. Entre os aplausos dos deputados e deputadas da oposición, a presidenta do Parlamento os expulsaba do pleno.

Con esta mobilización, a Plataforma amosou o seu rexeitamento aos recortes orzamentarios previstos para 2012, en materia de sanidade pública, polas súas graves repercusións na asistencia sanitaria. Denunciou ademais as privatizacións e solicitou a retirada, da lei de orzamentos, das medidas que, entre outras, limitan e mesmo impiden o acceso á sanidade pública daquelas persoas que leven menos de 180 días empadroadas en concellos galegos.

SOS Sanidade Pública levaba ademais unhas bolsas para entregar aos deputados/as cun Kit completo de supervivencia en períodos de hospitalización, con útiles de limpeza e comida. Denunciaban así a intención do goberno Feijóo de facer pagar aos doentes polo que o propio Presidente da Xunta denominou servizos extra sanitarios, que incluirían lavandería e comida. Unha proposta que xa foi rexeitada pola plataforma e pola CIG.

As bolsas estaban colocadas na beirarrúa, a carón da porta de entrada no Parlamento e a policía obrigou a trasladalas ao igual que obrigou aos representantes da plataforma, que portaban a pancarta principal, a afastarse da porta de acceso ao edificio.

Expulsión

Mentres se desenvolvía, no exterior do edificio, a concentración, dentro, os representantes da plataforma sacaban pancartas co lema “Nin recortes, nin privatizacións”, entre os aplausos das bancadas da oposición, o que provocou a súa expulsión do pleno.

Os representantes de SOS Sanidade Pública saíron acompañados por deputados/as do BNG e do PSOE que foron recibidos polos concentrados no exterior entre aplausos. Durante uns minutos cortouse o tráfico na rúa do Hórreo.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, recriminou á presidenta do Parlamento que se limitase a liberdade de expresión dos membros da plataforma ao seren expulsados por sacar uns carteis e alertou das graves repercusións que terán os recortes aprobados por lei para a atención sanitaria de todas as galegas e galegos. Recortes que afectarán tanto á calidade da atención como aos servizos que se prestan, actualmente, no sistema sanitario.

Galería de Imaxes

cig.prensa@galizacig.com