Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 21/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Asemblea do 19 de abril, na asociación de Veciños de Cabral, na que participaban máis de 200 traballadores
Na zona Franca de Vigo
Os piquetes da zona de Bouzas estiveron rodeados de antidisturbios desde as nove e media da mañá.
No centro da imaxe, Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT, á saída da mediación de Traballo o luns 21 de abril

Comeza a folga dos transportistas de Pontevedra, coa patronal sen vontade de negociar

Primeira xornada
Desde as doce da noite do domingo 20 de abril comezaban a funcionar na cidade de Vigo o movemento dos piquetes, no que ía ser a primeira xornada da folga pola negociación do convenio dos traballadores do sector do Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra, convocada por CIG, CCOO e UGT.
Os antidisturbios mesmo chegaron a imposibilitar o labor informativo dos piquetes

A primeira consecuencia desta folga foi a suspensión da quenda da noite na planta de Citroën pola falta de suministro nesta factoría, ao bloquearen a entrada aos camións.

Despois os traballadores en folga dividíronse en distintos grupos para atacar os puntos neurálxicos da actividade industrial e de mercadorías de Vigo, polo que houbo grupos de piquetes na zona de Valadares, na zona Franca en Bouzas, no Berbés, paralizando boa parte da saída do peixe da lonxa, e no porto de Guixar durante todo o día.

A presenza policial foi importante, mesmo imposibilitando o labor informativo dos piquetes nalgunhas zonas, como a de Bouzas.

Na comarca de Pontevedra os esforzos dos piquetes centráronse en bloquear os accesos ao Polígono do Campiño, onde están as industrias e empresas máis importantes da cidade.

Máis de 3.000 traballadores

Esta folga afecta a máis de 3.000 traballadores asalariados no sector do transporte de mercadorías, que teñen un dos convenios máis baixos do Estado. Despois de moitos anos de paralise na negociación colectiva do sector esta folga é a oportunidade para mudar a súa situación e acadar melloras laborais e sociais como as que demandan: dous días de asuntos propios para estes traballadores, a xubilación anticipada, que os accidentes de tráfico dos camioneiros e transportistas sexan recoñecidos como accidentes laborais e que se incrementen tanto as dietas como os salarios, entre outras propostas presentadas nesta plataforma sindical conxunta.

Mediación en Traballo

As once da mañá comezaba unha xuntanza convocada pola Delegación de Traballo da Xunta para mediar neste conflito, na que a Patronal confirmou a súa actitude fechada a unha saída ao conflito pola negociacións do convenio.

A patronal do transporte afirmaba asi que "mentres haxa folga non haberá negociación", e pechaba a porta a posíbeis propostas ou comezar a falar da necesaria mellora nos dereitos laborais e sociais dos traballadores afectados.

Ás 13 horas, os representantes sindicais presentes nesta mediación de Traballo encontrábanse con perto de douscentos traballadores do sector para informar do que acontecera nesta xuntanza, nunha asemblea que tivo lugar na Praza da Estrela, diante do edificio da Xunta en Vigo.

Manterase o paro

"Dixeron que baixo presión non están a gusto para negociar", sinalou Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT- CIG, en declaracións posteriores. Xa que logo, prevé que o paro se manteña como mínimo as tres xornadas previstas até o mércores. "É un pulso que temos que manter, porque eles queren ver como estamos de fortes", di Piñeiro.

O luns 21 de abril ás dez da noite están chamados a unha nova asemblea os traballadores do sector na zona de Bouzas, para preparar a seguinte xornada de folga e mobilización.

cig.prensa@galizacig.com