Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 21/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de Urbaser desconvocan a folga en Santiago de Compostela tras aceptar a empresa as súas demandas

A concesionaria da recollida do lixo readmite os tres operarios despedidos e mellorará as condicións laborais
Os traballadores e as traballadoras de Urbaser, concesionaria da recollida do lixo e da limpeza viaria en Santiago de Compostela, decidiron desconvocar a folga que mantiñan dende o 9 de maio despois de que a empresa aceptase readmitir os tres compañeiros despedidos. A patronal tamén se compromete a reorganizar os horarios, incrementar as xornadas de descanso e estudar outras melloras sociais.  

O acordo que permitirá ratificar o convenio colectivo chega despois dun conflito que se trasladou á rúa. Horas antes do fin das negociacións as empregadas e os empregados da empresa, uns 200, marchaban polas rúas de Santiago de Compostela baixo o lema “Negociación do convenio xa”. Ao remate da marcha, que chegou até o consistorio compostelán, na Praza do Obradoiro, o secretario nacional da CIG-Servizos dirixiuse aos traballadores para lembrar que o conflito non remataría “sen que os despedidos volvan ao seu traballo”. Paulo Rubido reclamou tamén a dimisión da concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano, pola súa "nefasta xestión” do proceso e criticou que a responsábel municipal se teña “convertido tamén en xefa de persoal acusando aos traballadores de vagos e maleantes”. Tamén criticou ao Goberno local por “intentar rebentar” unha folga que durou máis de dez días e acusou aos representantes municipais de pretender forzar “un acordo á baixa”.

A concentración diante da casa do concello coincidiu coa reunión que as partes mantiñan no Consello Galego de Relacións Laborais e cunha rolda de prensa do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. Os asistentes berraron consignas como “Bugallo, lambón, traballa de peón”, “Santullano dimisión” ou “Despedidos readmisión”.

 

cig.prensa@galizacig.com