Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 21/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino mobilízase contra os despedimentos e a política de acoso que está a practicar a dirección de Aspromor en Ortigueira

A Federación critica o cambio de modelo de xestión, “ao máis puro estilo empresarial”, e o deterioro progresivo da calidade do servizo prestado
A CIG-Ensino realizou o pasado mércores unha concentración na Praza do Concello de Ortigueira en rexeitamento á política de acoso laboral, represalias e despedimentos que está a pór en práctica a Xerencia e o Presidente da Asociación Aspromor no centro de atención a persoas con discapacidade que ten en dito concello. Dende a central sindical demándase un cambio de rumbo na nova xestión que recupere os obxectivos polos que foi creada a asociación, centrada na atención aos/ás usuarios/as, e se respecten os dereitos dos traballadores/as.

Dende a CIG-Ensino de Ferrol explícase que o bo entendemento existente até o de agora entre a asociación e a representación dos traballadores/as ten mudado nos últimos tempos logo de que o presidente “decidise facer un uso abusivo dos poderes que a Xunta Directiva lle outorgou” e aplicar un modelo de xestión ao máis “puro estilo empresarial”.

Neste senso, Xosé Lois Rivera, da Federación da CIG, sinala que se produciu unha asociación con empresas de fóra do país –que si teñen ánimo de lucro- e se mudou a un modelo baseado en criterios económicos e de produtividade, “tratando aos/ás usuarios/as como simple mercadoría”, fuxindo dos principios de servizo social cos que xurdía a propia asociación, e desprezando o compromiso, cualificación, experiencia e dereitos laborais dunha parte do persoal.

Ademais, critica Rivera, a situación agrávase xa que o responsábel da entidade se aproveita do seu cargo para tomar represalias contra traballadores/as cos que mantivo diferenzas de carácter persoal, ou polo simple feito de manifestar a súa opinión sobre a organización do traballo no centro ou demandar o cumprimento dos seus dereitos laborais.

Dende a Federación do Ensino da CIG quixeron destacar o respecto e a admiración pola importantísima labor social realizada pola Asociación, que vén dar cobertura á necesidades que a administración pública non asume. Por iso, sinalan, tamén dende a central sindical se prestou colaboración coa entidade a distintos niveis, co obxectivo de mellorar a dotación e o servizo prestado.

As consecuencias máis inmediatas deste “novo xeito” de entender a xestión do centro por parte do Presidente de Aspromor son:

-Proceso progresivo de privatización e descolocación do servizo, deixando a xestión do mesmo en mans doutras empresas con ánimo de lucro e de fóra da comarca e do país.

- Deterioro da calidade do servizo. Os recortes de medios e persoal á forza teñen que provocar esta consecuencia. De feito, a tendencia ao incremento da demanda mudou e agora está diminuíndo o número de usuarios/as.

-Despedimento de persoal, Até o momento xa foron cinco as persoas despedidas, todas elas caracterizadas polo seu carácter activo na organización do centro, crítico coa xestión e reivindicativo na defensa dos dereitos laborais. O presidente, explican dende a CIG-Ensino, alega causas económicas, mais estas non están xustificadas e mesmo se están producindo novas contratacións. 

-Problemas de organización. Non existe un plano de traballo que garanta a calidade do servizo, producíndose constantes trocos, desaxustes e improvisacións no traballo diario.

-Falta de respecto polas funcións do persoal, polo seu contrato e categoría, obrigándoselle a realizar funcións que non lle corresponden e para as que, en moitos casos, nin sequera teñen a cualificación necesaria.

- Utilización de presión, ameazas e acoso contra o persoal e posta en práctica de actitudes totalitarias e antisindicais para impedir o libre exercicio do dereito á información, asesoramento sindical, etc. Estas coaccións esténdense tanto aos traballadores/as como á representación sindical. De feito, explican, na CIG-Ensino recibíronse ameazas directas por parte do Presidente da Asociación por facer unha asemblea no centro, a pesar de estar solicitada en tempo e forma.

Diante desta situación, dende a Federación da CIG fíxose un chamamento ao resto dos membros da Asociación Aspromor, ás familias afectadas, e á cidadanía da comarca de Ortigueira para que reflexionen sobre o futuro da entidade de seguir por esta liña e para que se recupere a esencia pola que foi creada a asociación.

cig.prensa@galizacig.com