Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A secretaria de Muller da CIG comparece na comisión parlamentaria para o estudo da necesidade de racionalización de horarios

Analizou tamén a situación sociolaboral das mulleres e presentou numerosas propostas de mellora para camiñar cara solucionar esta problemática
A secretaria de Muller, Margarida Corral, compareceu o pasado mércores día 16 de maio, na Comisión non permanente para o estudo da necesidade de racionalización dos horarios e da situación sociolaboral das mulleres de Galiza. Unha comparecencia na que manifestou a necesidade de facer unha aposta real e concreta pola conciliación dos tempos, “xa que esta pode axudarnos a superar a brecha que separa o discurso da igualdade de oportunidades, politicamente correcto, da práctica cotiá nas organizacións e nos fogares”.

Comparecencia da secretaría da Muller da CIG na comisión non permanente para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres

A conciliación da vida laboral e familiar vense enfocando tradicionalmente, sen decatarse delo, desde unha perspectiva sexista, cando precisamente mediante as reformas lexislativas referentes a esta materia, se pretendía avanzar cara a corresponsabilidade de homes e mulleres nas responsabilidades familiares. A lexislación apostou polo recoñecemento dunha serie de dereitos vinculados á harmonización da vida laboral e familiar que teñen como principal protagonista á muller, mentres o home aparece situado nun segundo plano. Aínda que nada impide ao home acollerse a estes dereitos, existen moitos condicionantes que van a evitar que isto suceda, xa que a cuestión cultural é un elemento determinante na actitude das persoas, o cal afecta tanto a empresarios/as como traballadores. E, como norma xeral, normalmente é unha muller a que maioritariamente accede por diante da opción dos homes.

O impulso de políticas de conciliación tópase coa idea asentada na cultura empresarial de que as medidas flexibilizadoras do tempo supoñen un importante custe económico que non pode recaer sen máis nas organizacións produtivas. Isto agrávase cunha concepción maioritaria de empresas que consideran que as responsabilidades familiares limitan o rendemento laboral, especialmente nas mulleres. Xusto ao contrario do que sucede nos países da Unión Europea, aos que tanto nos gusta emular. Aínda hoxe segue a ser dominante unha cultura empresarial que prima a presenza física no lugar de traballo, en vez da consecución dos obxectivos, e un mal emprego das tecnoloxías, que aínda seguen a ser empregadas ao servizo da produción, e non ao servizo das persoas.

Na actualidade, o tempo das persoas queda reducido fronte ao tempo que deben adicar ao traballo, ás tarefas domésticas e do coidado. E no caso das mulleres, este tempo é aínda menor.

Quen traballamos desde unha perspectiva de xénero, decatámonos de que as persoas non senten como propia a xestión do seu tempo, e isto reflíctese nos elevados níveis de estres e ansiedade. O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios da xente, derivando todo elo nunha sensación de falta de control persoal da xestión do propio tempo, o cal leva consigo desigualdades entre mulleres e homes.

Sobra dicir que a incorporación das mulleres ao traballo remunerado non foi parello á incorporación dos homes ao traballo do fogar e do coidado. Esta discriminación no uso dos tempos, ten que ver, unha vez máis, coa ubicación do tempo de traballo como eixo central da organización do tempo das persoas, e cunha serie de consecuencias entre as cales cabe subliñar o descenso na natalidade. E nesta decisión non só influíu a cultura patriarcal, senón tamén a ineficacia do actual estado do benestar, cuxos servizos públicos son insuficientes, e cada día máis precarios por mor das políticas de recortes.

Sabemos que o tempo das persoas e das cidades, vilas e aldeas están disociados, e que varía por grupos sociais definidos pola actividade, polo sexo e pola idade. Entendemos que non están planificadas tendo en conta o tempo das persoas. Así, o seu urbanismo e a planificación dos seus servizos públicos e privados, desde o transporte, ate os lugares de ocio non obedecen a unha organización social propia das culturas e costumes deste tempo, senón desde a perspectiva dunha organización de hai varios séculos.

A concepción europea de traballar só ate as cinco da tarde, tendo o resto do tempo libre para desfrutalo na esfera persoal, contrasta coa realidade do noso país, que amosa, na práctica, xornadas laborais que comezan ás 8:30 ou as 9, fan un parón para xantar ás 13, 13:30 horas, retoman a actividade ás catro da tarde e rematan ás oito ou as nove da noite. As xornadas laborais que existen en Galiza, son extensivas e non intensivas. Estas xornadas prolongadas perxudican a calidade de vida do persoal e non son rendíbeis para as empresas. Por iso consideramos que ás traballadoras e aos traballadores debía valorárselles polos seus resultados, xa que as horas de presenza non garanten unha maior eficiencia.

As políticas de conciliación postas en marcha ate o de agora, non foron acompañadas dun gasto público suficiente. Pese ás melloras lexislativas, non se ten realizado un esforzo institucional serio e decidido por ires ate as orixes do problema da conciliación, como son as desigualdades sociais e culturais dentro e fóra do ámbito doméstico.

Todo isto derivou a que a conciliación constitúa un serio problema, fundamentalmente para as galegas, que se tratou de afrontar desenvolvendo estratexias diversas de carácter privado, sustentadas fundamentalmente na rede familiar. As dificultades para compaxinar a vida laboral, familiar e persoal teñen consecuencias económicas, laborais e sociais importantes, polo que desde a CIG consideramos que é preciso realizares melloras neste terreo, a pesares de que a actual coxuntura de crise económica poida estar desviando a atención neste problema, corréndose o risco de que incluso se retroceda en aspectos nos que se viña avanzando no ámbito da igualdade.

Análise da situación sociolaboral das galegas

O ano 2011 amosou unha realidade do mercado laboral galego demoledora. 17.700 empregos destruídos, dos cales 17.300 foron masculinos e 400 entre as mulleres. Estamos a falar de 110.400 postos de traballo destruídos en Galiza no ultimo lustro e, aínda un maior aumento da poboación parada, xa que a poboación activa medrou neste período.

Se analizamos a nova poboación activa que se incorporou neste ultimo ano ao mercado de traballo galego vemos que foron mulleres, concretamente 14.000. O feito de seren mulleres afianza o argumento de que - nun modelo de parella heterosexual- ante a perda de emprego do membro masculino do fogar, sae a muller ao mercado de traballo para intentares acadar uns ingresos, e dalgún xeito manter o nível de vida da unidade familiar. Pero a maioría delas pasaron a engrosar as listas do desemprego, xa o mercado de traballo galego non é capaz de absorber a estas novas activas, de aí que medre máis a poboación parada do que descende a ocupada.

A taxa media de paro medrou 2 puntos máis ca no 2010, afectando na mesma medida a homes que a mulleres (16,6 no caso dos homes e 18,3 no caso das mulleres), marcando máis a diferenza a idade ca o sexo na taxa de paro. É de destacar a elevadísima taxa de paro que se da entre os 16 e 24 anos, ascendendo ao 37,6% (21,7 puntos máis ca no ano 2007).

Por outra banda, non só se está destruíndo moito máis emprego masculino que feminino en xeral, senón que entre o empresariado están desaparecendo unicamente homes e nacendo empresas a nome de mulleres, tanto con persoal asalariado a cargo como sen el.

En definitiva, a crise estanos levando a un acercamento na situación laboral das mulleres e dos homes, pero igualándonos por abaixo, isto é:

-         A caída dos salarios medios dos homes fai que as diferenzas salariais sexan cada vez menores.

-         O forte medre do desemprego masculino fai que as taxas de paro entre homes e mulleres sexan practicamente as mesmas.

-         A perda de emprego dos asalariados e asalariadas con contrato indefinido está igualando as taxas de temporalidade

-         O aumento de homes traballando a xornada parcial está diminuíndo as diferenzas coas mulleres (a pesares disto, as mulleres seguen a representar o 76,8% das contratacións a xornada parcial).

Para pórlle remedio ao desemprego e a actual situación de crise, os gobernos non poden nin deben centrarse só, como fixeron ate o de agora, nos problemas financeiros, na débeda soberana, na prima de risco ou na viabilidade do euro. Xa que a análise da situación de crise debe centrarse na propia estrutura dun modelo económico, o capitalista e heteropatriarcal, que ten como único obxectivo o beneficio individual. Un sistema que botou man da especulación financeira sen ter en conta as consecuencias que esta tiña de cara ás persoas, sobre o medio ambiente, que se aproveita da forza de traballo da clase traballadora, para acumular máis riqueza e cada vez a menor custe, xerando cada vez máis desigualdades e desequilibrios, tamén por mor das continuas políticas neoliberais postas en marcha.

Porque desde o comezo da crise ate a actualidade os gobernos centraron as principais medidas en reducir o gasto público, esquecendo o efecto que estas teñen nas mulleres.

As primeiras medidas postas en marcha no estado centráronse nos recortes no gasto público (cun gran impacto nas mulleres dada a nosa presenza neste sector, que fai que sexamos as principais afectadas pola redución de salarios e a eliminación de emprego), cunha reforma laboral que precarizaba aínda máis as condicións de traballo (abaratando e facilitando o despedimento, reducindo os custos laborais, promovendo a temporalidade, desaparecendo garantías laborais, desarticulando a negociación colectiva, privatizando a inserción laboral), cunha reforma das pensións que agravará a feminización da pobreza e dificultará aínda máis que as mulleres poidamos acceder a pensións dignas, coas medidas dirixidas para mellorar a empregabilidade da mocidade (pero que o que fixeron foi impulsar aínda máis a temporalidade e precarizar o emprego da mocidade a través de figuras como o contrato lixo), coa eliminación da retroactividade para as persoas beneficiarias das axudas á dependencia, ou cunha reforma do réxime de empregadas do fogar que, pese a supor un avance, é insuficiente (dado que non supón a aplicación do ET nin a súa inclusión ao 100% no réxime xeral con plenos dereitos, como a prestación por desemprego ou a cotización ao FOGASA, por poñer dous exemplos).

As primeiras medidas de austeridade comezaron coa eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas I+B (oficinas situadas maioritariamente no rural, desde as que se ofrecía unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social, e onde se atendían distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller e na atención aos mozos e mozas); o Servizo do Noitebús para a mocidade do rural; do programa ENTENDO, que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ás lésbicas, gais, bisexuais e transexuais; a privatización das novas escolas infantís parella á desorbitada suba das taxas e do servizo de comedor; os recortes orzamentarios en Programas tan senlleiros como o de Preescolar na Casa, ou nos fondos destinados ao Plan Concertado, o cal pode supoñer a desaparición das prestacións básicas de servizos sociais nos concellos. O cal contrasta coas axudas destinadas a un bo número de entidades abertamente confesionais e católicas, ademais de antiabortistas, no marco dunha lei –a de familia- que, como no seu día denunciamos e así asumiu o CES- organismo que tamén vai desaparecer-, cousifica a muller e pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai - coidadora do fogar. Ou coa presentación do recente Plan para dinamización demográfica de Galiza que non contempla medidas concretas de estímulo económico de apoio á maternidade/paternidade, máis alá da sensibilización e de xornadas e estudos, mentres se restrinxe o acceso á única prestación económica por fillos/as a cargo.

O novo goberno do estado, pese a manifestarse crítico coas medidas dirixidas polo anterior goberno para saír da crise, puxo en marcha novas medidas que repousaron, unha vez máis, na clase traballadora, desde a conxelación do SMI (por vez primeira desde o ano 1967), que afecta máis negativamente ás mulleres, por estar empregadas en postos peor retribuídos; ou a reforma do IRPF (que afectará en maior medida ás mulleres por seres estas as que posúen a nível comparativo menores ingresos) mentres acomete unha amnistía fiscal aos defraudadores posuidores das grandes fortunas;  acometendo unha serie de recortes no investimento público que están a provocar a deterioración dos servizos e destrución de emprego (co conseguinte efecto nas mulleres ao termos unha maior representación no sector público); cunha reforma laboral que facilita aínda máis o despedimento e a redución dos salarios, que precariza e desregula as condicións de traballo, que fomenta o uso de contratos lixo de formación e aprendizaxe até os 30 anos, que permite que sexan as empresas e non as mulleres as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución de xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limita que esta redución se realice só na xornada diaria; cuns orzamentos que non contemplan o acordo de ampliación a un mes da duración do permiso de paternidade, que conlevan a conxelación dos salarios do sector público, a moratoria na posta en marcha da lei de dependencia.

O mesmo goberno que ante unha convocatoria de folga xeral arroupada de xeito masivo polos traballadores e traballadoras, responde con recortes no gasto público social, que se concretan no anuncio do recorte de preto de 800 millóns de euros no ensino público, aumentando o rateo do alumnado por aula, despedindo ao profesorado e autorizando unha suba das matrículas universitarias de preto dun 66% máis (uns 540€), e instaurando o re- pago ou co- pago farmacéutico cunha decisión inxusta e anti- social que afecta sobre todo ao colectivo de pensionistas, e por tanto, sobor de todo ás viúvas.

Desde a CIG consideramos que estamos a tempo de reverter esta situación, e de pór en marcha medidas concretas e reais dirixidas a mellorar a situación socio laboral das mulleres galegas en particular, e da sociedade en xeral. Dispoñemos das competencias para facelo. Pero a vontade debe ir acompañada dun orzamento real e de accións concretas que vaian máis alá de propaganda.

Propostas de mellora e solucións

Tendo en conta o exposto no punto anterior consideramos necesario comezar a acadar compromisos firmes en relación aos seguintes aspectos:

- Hai que partir da premisa de que é preciso racionalizar os horarios de Galiza co obxecto de permitir a compatibilización real da vida familiar e laboral, porque redunda en estabilidade e rendemento.

- Debemos dar os pasos necesarios para igualar os dereitos de conciliación entre as e os empregados públicos e as e os empregados do ámbito privado.

- É preciso pular por acadar acordos en empresas e sectores relativos á distribución do tempo e a xornada co fin de facilitar a conciliación. Pero iso debe ir parello ao incremento e a mellora da cobertura dos servizos de apoio ao coidado das crianzas e das persoas dependentes.

- Mellorar as iniciativas de protección social e apoio ás familias e unidades de convivencia para a atención e o coidado das crianzas menores de tres anos.

- Ampliar a duración e cobertura das prestacións de maternidade (debería estenderse ate os 6 meses da crianza dado que é o tempo que a OMS recomenda que se alimente exclusivamente de leite materna) e paternidade (lembremos que segue a adiarse o compromiso asumido pola lei de igualdade de fixalo en 4 semanas) e do permiso de lactación (actualmente fica en mans das empresas a concesión do permiso acumulado, sendo discrecional o seu cálculo, cando debería fixarse en catro semanas se opta polo permiso acumulado e estendelo ate os12 meses se opta pola outra modalidade, e cando se opta polo emprego do permiso de duración dunha hora, ás veces fica en tan só media hora, ao entender que se está a optar por unha redución da xornada), da redución de xornada por coidado (que por mor da reforma obrigase á traballadora a acollerse á redución diaria, sen ter en conta que esta modalidade non é compatíbel en determinadas circunstancias, e non se amplía a súa duración ate os 12 anos como reclamamos desde a CIG) e da excedencia por coidado (equiparando a protección por coidado de crianzas coa do coidado de familiares dependentes, non estabelecendo límite de reserva do posto e ampliando a súa duración).

- Mellorar a protección do emprego das mulleres que se acollen ao permiso de maternidade (garantindo que tras a reincorporación do permiso a muller non vai ser presionada e despedida), e mellorar a protección do emprego das traballadoras e traballadores que se acollen a permisos relacionados co coidado de familiares a cargo, sexan crianzas ou maiores dependentes.

- Recoñecemento explícito do dereito dos traballadores e das traballadoras a adaptar a duración e a distribución da xornada por motivos familiares.

- Crear permisos retribuídos para o acompañamento á consulta médica de familiares a cargo.

-   Creación de permisos retribuídos no só para a asistencia, senón tamén para o acompañamento a trámites relacionados coa maternidade, técnicas de reprodución asistida, adopción e acollemento.

-   Axudas económicas e deducións fiscais por cada crianza a cargo, poñendo especial atención nas familias monoparentais, partos múltiples e familias numerosas

-   Redución do 50% do IVE na merca de vivendas ás familias numerosas e monoparentais

- Repensar o planeamento urbanístico existente en Galiza e a planificación dos seus servizos e equipamentos, para que o eixo sexa o tempo das persoas.

-   Flexibilizar os horarios de entrada e saída das empresas, reducindo o tempo do xantar de xeito que a xornada remate a primeira hora da tarde e ás persoas poidan adicarse á súa actividade persoal.

- Favorecer espazos de ocio e lecer pensados no seu uso compartido por e para as crianzas e as persoas maiores e con discapacidade tanto no rural como nas cidades (parques e xardíns adaptados, zonas cubertas para poder desfrutar no inverno, lugares onde poder sentarse e merendar ou almorzar, espazos nos centros de ocio, horario dos cines, teatros, museos, bibliotecas ou centros cívicos adaptados ao tempo libre da cidadanía, etc.)

- Iniciar de xeito parello un debate social que remate en compromisos firmes sobre a apertura e o peche dos servizos públicos (concellos, administración de xustiza, deputacións, xulgados, e sobor de todo das escolas infantís, garderías, centros de día) onde se aflore a dimensión familiar.

- Flexibilización dos horarios dos centros de ensino (incluíndo ás escolas infantís) en función da estrutura demográfica e das necesidades existentes, marcando como obxectivo que exista un centro con horarios compatíbeis coa xornada laboral para cada núcleo determinado de poboación.

- Favorecer o acceso prioritario ás escolas infantís ás familias monomarentais ou parellas nas que traballen os dous cónxuxes, estabelecendo como criterio preferente o lugar de traballo (e a súa distancia ao lugar de residencia).

-   Aumentar a cobertura e a carga horaria da rede de escolas infantís e dos servizos de canguros e estabelecer, cando sexa necesario, un servizo nocturno.

-   Crear ludotecas e programar actividades extra escolares, empregando cando sexa posíbel as instalacións educativas na época estival (verán, semana santa, Entroido, nadal)

-   Mellorar a rede de transporte no rural, comunicando este cos núcleos onde se radiquen os servizos sociais, e facer coincidente a rede de transporte da cidade cos horarios e zonas laborábeis e de ocio.

-   Estender os almorzos escolares e xantares en todos os centros públicos. No caso dos almorzos, atenderase á compatibilización cos horarios laborábeis.

-   Crear un servizo de xantar e almorzo sobre rodas para as persoas con discapacidade.

-   Estabelecer compromisos concretos co obxectivo de crear garderías nas empresas, poñendo especial fincapé na súa creación nos polígonos industriais da cidade e da súa área metropolitana.

En definitiva, que o camiño para superar a crise non debe pasar por un retroceso en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nin por prolongar as xornadas de traballo. Sería un erro que, no canto de axudarnos a vencer a crise, a agravaría. Porque tanto a administración, como os axentes sociais, temos a responsabilidade de loitar porque Galiza sexa un país con moitos centros de proximidade onde durmir, traballar, descansar, mercar, xogar, andar, desfrutar, para que as persoas que viven e desenvolven a súa actividade principal nela, poidan sentir o tempo como propio.

A Coruña, 16 de maio de 2012

Margarida Corral Sánchez

Secretaria Confederal da Muller da CIG

 

cig.prensa@galizacig.com