O martes 22 de xuño no Pleno do Parlamento de Galiza terá lugar o debate e votación do ditame elaborado pola Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego desta ILP. Esta iniciativa foi defendida no seu día no Parlamento por Coloma Viúvez, unha das promotoras de “Red Madre” (que engloba a distintas asociacións antiabortistas entre as cales están o Foro de la Familia, a Asociación Católica de Propagandistas ou a Asociación de Víctimas del Aborto) tras percorrer Galiza cun autobús que levaba o lema “A túa sinatura é a súa vida”.
Na proposta, que logo foi emendada no trámite parlamentar, cualificábase o aborto como unha das principais causas de defunción, manifestando implicitamente, por tanto, que abortar é cometer asasinatos. A iniciativa saíu adiante sen que houbese posicionamento da Xunta coa maioría de votos emitidos polo grupo parlamentario do PPdeG.
Dende a Secretaría da Muller da CIG quérese denunciar publicamente o seu carácter regresivo, o recorte de dereitos cara as mulleres que leva implícito e a profunda carga ideolóxica que supón, xa que fai retroceder moitos anos nas conquistas que as mulleres fomos capaces de conseguir co noso esforzo. Esta iniciativa é claramente antiabortista, e pretende conseguir desde os poderes públicos que as mulleres non exerzamos o noso dereito a decidir libre e informadamente sobre a nosa maternidade.
“Consideramos que se verdadeiramente se quere apoiar á maternidade debe facerse no marco de medidas que teñen en conta non só o aspecto biolóxico, senón tamén social, facendo unha clara diferenciación entre sexualidade e maternidade, incluíndo información nestes dous campos, pero respectando a liberdade individual para decidir ser ou non nai, e cando”, subliña a Secretaria Confederal de Muller da CIG, Margarida Corral.
Responsabilidades da administración
Neste senso, apunta Corral, os poderes públicos deben poñer a disposición das mulleres o sistema sanitario para que sexa capaz de dispensar os métodos anticonceptivos para evitar embarazos non desexados (incluíndo ás solucións de urxencia como a pílula postcoital), para facer un seguimento do embarazo e o parto, humanizando este, e tamén para que atenda ás interrupcións voluntarias do embarazo, sendo preciso contemplar na rede educativa unha verdadeira materia de educación sexual que poida orientar á mocidade a vivir a sexualidade sen tabús e limitacións, pero cun maior coñecemento que poida evitar embarazos non desexados.
A Secretaria da Muller da CIG lamentou que no canto de favorecer a maternidade como unha escolla libre, de abrir as escolas pechadas no rural, de construír novas unidades con horario ampliado e adaptado aos horarios laborais, de ampliar a rede pública de escolas infantís e centros de día, de estabelecer unha liña de axudas á conciliación e á natalidade, de evitar e perseguir as discriminacións relacionadas coa conciliación da vida familiar e laboral, de protexer ás mulleres da pasividade das mutuas na protección do embarazo e da lactación; a administración destine cartos públicos a crear unha rede paralela que duplicará os servizos públicos entregando ás asociacións antiabortistas o labor de apoiar ás mulleres para culpabilizar ás que deciden abortar.
“Denunciamos que o goberno da Xunta non ten previsto implantar medidas para garantir o desenvolvemento da Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, que entrará en vigor o vindeiro 5 de xullo, e pola contra, lidera esta iniciativa, promovendo outras leis que reforzan o contido da ILP, como é o caso do Anteproxecto de lei de apoio á familia e á convivencia de Galiza, que ten entre os seus obxectivos protexer o dereito á vida, incluíndo medidas para fomentar que o embarazo chegue a termo”, critica Margarida Corral.
Recortes nos investimentos
A Secretaría da Muller da CIG manifesta a total oposición á política de recortes que en materia de atención ás mulleres está a realizar o goberno galego da Xunta. Hai que lembrar que o pasado mes de abril a central sindical presentou unha serie de alegacións á Xunta en relación á supresión do SGI, nas que se analizaban os orzamentos do 2010, denunciando o recorte que afectaba aos investimentos do programa de apoio á conciliación da vida familiar, laboral e persoal. Dito orzamento rebaixouse nun 82,3% (pasando dun 5,1 a 0,9 millóns). De igual xeito, as accións para a igualdade, protección e promoción da muller descenderon un 89,4% (pasando de 31,2 a 8,3 millóns).
O único que medraba era o de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero, de 2,8 a 3,3 millóns, o cal era lóxico dado que fica por desenvolver a Lei Galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Por iso, a Secretaría da Muller da CIG considera que a Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galiza, non podía asumir como fins a eliminación da discriminación entre mulleres e homes, a promoción da igualdade e a erradicación dos prexuízos de xénero, e ao mesmo tempo permitir unha redución orzamentaria en todo o relacionado precisamente coa igualdade. Nesta política de austeridade, quen ía soportar os axustes ían ser todos os programas relacionados co emprego, a muller e os relativos ás migracións, nun momento onde precisamente estes estaban despegando.
“Desde a Secretaría da Muller da CIG consideramos que non se pode enmascarar baixo unha política de austeridade a supresión de organismos como o Servizo Galego de Igualdade, o desmantelamento da rede de I+B e os Centros de Información e Formación sexual para a mocidade, mentres destinan cartos públicos para impedir unha conquista histórica das mulleres: o dereito a decidirmos libremente sobre a nosa maternidade”, concluíu Margarida Corral.