Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/6/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG reclama garantías laborais na reforma da CRTVG

A central nacionalista defende a prestación do servizo público de comunicación audiovisual por unha entidade de dereito público
A CIG expresa a súa preocupación polo acordo alcanzado entre o PSdeG e o PP para reformar a CRTVG, que exclúe un compromiso expreso a prol da produción propia de programas e do emprego, así como dos dereitos económicos, laborais e sociais adquiridos polo persoal laboral da radio e a televisión públicas de Galiza.

Esta falta de compromiso hai que poñela en relación coa natureza xurídica da nova Corporación RTVG, chamada a substituír o ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que adopta a forma de sociedade anónima.

Así concibida, a Corporación RTVG poderá constituír ou participar no capital de toda clase de entidades mercantís, abrindo a porta á entrada do capital privado na xestión de actividades e funcións propias daquela, incluídas as de servizo público.

Para estas operacións de participación, requirirase unicamente acordo favorábel do Consello da Xunta, do mesmo xeito que para a disolución da Corporación RTVG (neste suposto, “oído o Parlamento de Galicia“), o que reforza a dependencia gobernamental en detrimento do control parlamentar e acrecenta a incerteza da continuidade dos medios públicos galegos.

Non por casualidade o texto acordado entre o PSdeG e o PP só garante que os servizos informativos non sexan cedidos a terceiros, mais iso sen prexuízo de que vagos e xenéricos “elementos accesorios” da cadea de produción poidan ser obxecto de contratación externa.

A produción propia, na área de programas non informativos, non queda asegurada, nin tan sequera nos mínimos actuais que garantirían a consolidación do emprego temporal que se vén mantendo ao longo do tempo na CRTVG.

Daquela, a CIG reclamará a adopción das medidas necesarias encamiñadas a:

- Preservar o carácter público tanto da nova entidade como doutras que no futuro poida

constituír ou participar. E non só no que respecta á participación do seu capital, que debería estar integramente subscrito pola Comunidade Autónoma de Galicia, senón tamén no que atinxe á súa natureza xurídica, que habería de adaptarse á forma de entidade de dereito público. Garantiríase así os principios de igualdade, non discriminación, obxectividade, transparencia, libre concorrencia, eficiencia e economía en materia de gasto público, selección de contratistas ou contratación de persoal.

- Fixar porcentaxes mínimas de produción propia interna, na área de programas non

informativos, que garantan a estabilidade laboral do persoal que presta os seus servizos na CRTVG, nomeadamente na modalidade do contrato de obra ou servizo determinado.

- Garantir a subrogación da nova entidade, (na mesma posición xurídica que mantiña o Ente Público CRTVG e as súas sociedades RTG, S. A. e TVG, S. A.) nas relacións xurídicas, dereitos e obrigas de natureza laboral, convencional ou extraconvencional, e de Seguridade Social dos seus traballadores e traballadoras. Respectarase en todo caso a categoría profesional, a antigüidade e os dereitos económicos adquiridos polo mencionado persoal, así como os seus dereitos sociais.

cig.prensa@galizacig.com