A sentenza avala a decisión da Comisión de Garantías da CIG de excluír a candidatura presentada por Sartier, ao considerar probado que non respectou a cota de participación feminina que os Estatutos da CIG estabelecen para favorecer a participación de mulleres nos órganos de dirección da organización sindical.
Alén diso, asumindo que esta resolución da Comisión de Garantías é correcta o xulgado rexeita tamén o argumento de que tal decisión teña un propósito discriminatorio ou contrario aos dereitos fundamentais derivado da posición que Cándido Sartier mantivo publicamente, apoiando a construción dun novo hospital con financiamento público-privado en Pontevedra fronte á ampliación do hospital existente en Montecelo, mantendo a súa xestión pública, que é a posición que defende a central sindical.
A propia sentenza declara que o demandante mantivo a súa posición con total liberdade de opinión, o que non é contraditorio coa apertura dun expediente disciplinario, “decisión que en ningún momento pode cualificarse de vulneradora de dereitos fundamentais a liberdade de opinión, nin a acción sindical pois a afiliación e estancia nun sindicato é voluntaria, pero supón a obriga de respectar os seus estatutos e decisións”.