Até agora, explica o Secretario Comarcal da FGAMT-CIG, Alexandre Romero, os traballadores/as das empresas preferiron evitar a conflitividade para non provocar trastornos no servizo do transporte escolar da comarca. Porén, unha vez rematado o curso, os condutores/as queren denunciar publicamente a situación na que se atopan e demandar das empresas a que respecten os tempos de descanso do persoal.
O colectivo de traballadores/as lanza unha chamada de atención tamén a Consellaría de Educación, as ANPAS e aos colexios para se impliquen nesta demanda, pois “non se trata só dunha reivindicación laboral, xa que o está en xogo é a propia seguridade dos cativos/as que utilizan este tipo de transporte”, sinala Romero.
Así mesmo, dende a FGAMT-CIG instan á Xunta de Galiza á que controle e tome todas as medidas legais oportunas para obrigar ás empresas a que cumpran cos tempos de descanso dos condutores e condutoras, máis considerando que os servizos de transporte de viaxeiros/as son concesións administrativas. Sobre esta cuestión, a Federación denuncia que se ten coñecemento de casos nos que a empresa mesmo chegou a romper o disco tacógrafo para que eliminar as probas dos excesos de xornada.
Modificación da normativa
Neste senso, a CIG solicita, unha vez máis, ás administracións competentes que modifiquen a normativa actual para estender a obrigatoriedade de levar disco tacógrafo a todos os servizos de transporte de viaxeiros/as, co obxecto de garantir a máxima seguridade nos desprazamentos. Neste momentos, a normativa europea permite ás empresas de transporte de viaxeiros non utilizar o disco tacógrafo cando as súas rutas son inferiores aos 50 quilómetros, agás que exista unha norma interna dos Estados (neste caso da Comunidade Autónoma) que indique o contrario.
Así as cousas, os traballadores e a central advirten que, se no momento de reactivar os transporte escolar no próximo mes de setembro, a problemática continúa existindo, levaranse a cabo todas as accións e mobilizacións que sexan necesarias.