Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadores e traballadoras da área pública rodean o edificio administrativo da Xunta de Galiza cunha cadea humana

A mobilización coincidiu coa vista oral do conflito colectivo presentado por todas as organizacións sindicais con representación no comité intercentros
Traballadores e traballadoras da área pública dependente da Xunta de Galiza, convocados polo comité intercentros, co apoio das catro centrais sindicais, CIG, CCOO, UGT e CSIF, rodeaban o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano, en Compostela, formando unha cadea humana. A mobilización insírese na campaña contra os recortes de dereitos consecuencia da aplicación do decreto lei de medidas para o emprego público e coincidía coa vista oral que se celebraba no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, por mor da presentación de conflito colectivo por parte destas centrais sindicais.

Con esta cadea humana os traballadores/as, alén de manifestar a súa oposición ao decreto lei de medidas para o emprego público, proclamaban a súa defensa dos servizos públicos, manifestaban a oposición contra a súa privatización, denunciaban a precarización das condicións laborais e a amortización de postos de traballo.

A mobilización coincidía ademais coa celebración da vista oral ante o TSXG do conflito colectivo presentado polas catro centrais sindicais, “pola modificación por decreto lei de varios artigos do V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza”, explicou María Carme López Santamariña, secretaria nacional da CIG-Administración.

Neste sentido, Rodolfo Docampo, Presidente do Comité Interempresas resumía as consecuencias deste decreto lei que lembrou “vulnera o dereito á negociación colectiva, usurpa o dereito dos traballadores/as a negociar as súas relacións contractuais, pactadas co goberno do PP, que logo, utilizando a súa maioría no Parlamento, botou para abaixo”.

A isto, engadiu que “o PP o que consegue é destruír a negociación colectiva, dereitos que o persoal ten recoñecidos na Constitución para defender as súas condicións laborais e salariais”.

Para López Santamariña, a vista oral ten especial relevancia porque “aí se vai dirimir se o decreto lei de medidas para o emprego público ten visos de legalidade ou se, como consideramos, é anticonstitucional e vulnera a negociación colectiva”. A secretaria nacional de CIG-Administración agarda que o Tribunal lles dea a razón, para poder frear así “medidas tan lesivas, que están tendo xa consecuencias nos centros de traballo, tanto para o persoal como para os propios usuarios”, dixo, engadindo que “do que se trata é de defender “un servizo público con maiúsculas”.

Ameaza de novos recortes

Respecto dos recados do FMI e doutros organismos internacionais, de que será prioritariamente o persoal das administracións públicas quen terá pagar o rescate aos bancos, a secretaria nacional de CIG-Administración, alén de manifestar o seu máis contundente rexeitamento, considera que se trata dun ataque, non só ás condicións salariais do persoal das administracións públicas senón tamén aos propios servizos públicos.

Alerta do deterioro ao que se están abocando e de que o que se pretende é camiñar cara a súa privatización e lembra que nos últimos dez anos xa teñen perdido entre un 22 e un 23%  de poder adquisitivo. “Xa está ben”, afirma con rotundidade. “Non pode ser que se pretenda que a banca privada sexa rescatada a nosa costa e con fondos públicos, cando neses mesmos bancos xa están os nosos salarios, que ben lles serven para especular. As traballadoras e traballadores das administracións non somos culpábeis desta crise nin estamos dispostos a pagar o burato da banca”.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com