Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 21/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As traballadoras de Treves trasladan a Vigo as súas protestas no segundo día de folga

Concentráronse diante do edificio da Xunta, onde mantiveron unha xuntanza coa delegada territorial
As traballadoras do centro de Treves en Pontevedra trasladáronse no segundo día de folga na empresa até Vigo para concentrarse diante das dependencias da Xunta, onde mantiveron un encontro coa delegada, Lucía Molares, á quen lle trasladaron o seu rexeitamento ao ERE presentado pola multinacional, e que, de facerse efectivo, suporá a rescisión dos contratos da totalidade do persoal.

As 133 traballadoras e traballadores do centro que Treves ten situado na Avenida de Vigo en Pontevedra, levaron as súas protestas en contra do expediente extintivo presentado pola empresa até ás rúas da cidade olívica. Pouco antes das dez da mañá, o persoal iniciaba unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Vigo, en cuxo interior membros do Comité e representantes sindicais mantiñan unha xuntanza coa “superdelegada” Lucía Molares, a quen lle solicitaron que mediase no conflito e busque alternativas para garantir a continuidade da actividade da fábrica, así como que rexeite o expediente de regulación, ao igual que fixeron na véspera co seu homólogo en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Posteriormente, as traballadoras desenvolveron unha manifestación polas rúas de Vigo e unha asemblea na que valoraron o resultado da xuntanza e analizaron novas mobilizacións a levar a cabo durante esta semana, na que continuarán coa folga até o venres, xa que na vindeira semana comezan as vacacións do verán.

Rexeitamento á oferta económica

O persoal de Treves volveu rexeitar a oferta económica presentada pola empresa, xa que a súa intención é conseguir o mantemento dos postos de traballo no centro, dedicado á fabricación de compoñentes de téxtil para Citroen. Neste senso, lembran que a factoría é rendíbel e ten recibido máis de tres millóns de euros de axudas públicas nos últimos tempos, polo que se reclama á administración que actúe con responsabilidade e non aprobe o ERE, xa que “non existen causas que o xustifiquen”.

Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT da CIG, insistiu en que a intención da empresa pasa por eliminar a planta de Pontevedra para trasladala a Marrocos e así obter maiores beneficios. Así, reclamou á dirección de Treves que retire o expediente, cando menos até setembro, para permitir a busca de vías alternativas ao peche.

O persoal de Treves, que na primeira xornada de folga contou co apoio do conxunto dos traballadores/as do segundo centro da multinacional en Pontevedra, continuarán ao longo desta semana coas mobilizacións para exixir que se manteñan os seus postos de traballo.

cig.prensa@galizacig.com