marco
Compostela, 21/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG e ELA presentan un manifesto conxunto en Madrid contra a reforma laboral

Celebraron unha xuntanza cos grupos parlamentarios do BNG, Nafarroa Bai, CIU, PNV e PSOE, á que non asistiron nin CC, nin o PP, nin UPyD
CIG e ELA celebraron este mércores, no Congreso dos Deputados, unha xuntanza cos grupos parlamentarios aos que fixeron entrega dunha declaración conxunta na que manifestan o seu rexeitamento á reforma laboral, “tanto pola forma na que se xestou como polos seus contidos totalmente regresivos”, denuncian a crise estrutural do diálogo social, o proceso sumarísimo contra os dereitos laborais e alertan do evidente risco de que, cos apoios logrados polo goberno para que a Reforma vaia adiante, aínda se empeore o seu contido.

Á xuntanza asistiron representantes dos grupos parlamentarios do BNG, CIU, PNV, NaBai e PSOE . Gaspar Llamazares, de IU, desculpou a súa ausencia e outros, como o PP, CC e UPyD simplemente non apareceron. Pola CIG asistiron Suso Seixo, secretario xeral, e Francisco Miranda Vigo, secretario confederal de Comunicación, e por ELA, Adolfo Muñoz, secretario xeral, e Mikel Noval, secretario nacional de Política Social.

Os secretarios xerais de ambas as organizacións sindicais fixeron un chamamento aos grupos parlamentarios  a rexeitaren a reforma laboral, por supor un grave retroceso dos dereitos da clase traballadora e porque non son as rixideces do mercado laboral, nin os salarios, nin o custo do despedimento, nin a estrutura da negociación colectiva, nin o gasto social as causas que provocaron esta crise económica. “É unha mentira e unha hipocrisía presentar estas medidas de recorte de dereitos e do gasto social como a súa solución”, dixeron.

Lembraron que a súa orixe está no fomento dunha economía especulativa que parasita a economía produtiva, xunto coas políticas neoliberais seguidas nos últimos anos e, por iso, demandaron unha reforma fiscal profunda, a eliminación da fraude fiscal e dos paraísos fiscais, o incremento do gasto social, a mellora dos salarios, a creación dunha banca pública, o apoio á economía produtiva e o cambio de modelo produtivo.

Alén diso, reclamaron capacidade lexislativa plena para decidir nos respectivos ámbitos territoriais os dereitos laborais e sociais e exixiron “respecto ás decisións adoptadas nos nosos pobos”.

Pola súa banda, tanto o BNG, que anunciou que presentaría unha emenda á totalidade, como NaBai, manifestaron o seu acordo coa análise presentada polas organizacións sindicais nacionalistas. O PNV fixo unha exposición técnica cuestionando parte do seu contido e avanzando a necesidade de reformar o Título III do Estatuto dos Traballadores, facendo especial fincapé nos artigos 82 e 84. CIU amosou as súas discrepancias co exposto por Suso Seixo e Adolfo Muñoz e por parte do PSOE, non se fixo valoración de ningún tipo.

Obxectivo: facilitar e abaratar o despedimento

Seixo e Muñoz salientaron os contidos máis negativos desta reforma, centrada en facilitar e abaratar o despedimento para os traballadores/as con contrato indefinido, subvencionando con cartos públicos unha parte dos custo, e denunciaron que ataca á esencia da negociación colectiva, ao facilitar que as empresas queden exentas da aplicación dos convenios colectivos, nomeadamente no que respecta a salarios, e posibilitar que os empresarios, sen acordo coa representación sindical, realicen modificacións substanciais das condicións de traballo.

Xunto a isto, cuestionaron que se abran as portas ao negocio empresarial coa intermediación no emprego. “Legalízanse as axencias privadas de colocación con ánimo de lucro e elimínanse a práctica totalidade das restricións á actuación das ETTs, co aumento do risco de sufrir accidentes laborais que iso leva”, manifestaron.

Negociación colectiva

Respecto da negociación colectiva denunciaron a intención de CCOO e UGT de acordar coa patronal unha nova estrutura. “Consideramos que sería moi grave que se negase ou limitase aos traballadores e traballadoras de Galiza ou de Hego Euskal Herria o dereito a decidir que e onde negociar. Impliaría, ademais, afastar e dificultar a participación na negociación colectiva da gran maioría dos traballadores/as, pertencentes á pequena empresa, co retroceso nas súas condicións laborais que iso suporía co tempo”.

Diagnóstico falseado

CIG e ELA explicaron que se parte dun diagnóstico falseado ao volver utilizar como escusa a temporalidade en fraude, consentida pola nula vontade das administracións laborais en perseguila, para atacar os elementos de protección da relación laboral e afirmaron que son falsas xustificacións como a de que creará emprego, porque só servirá para destruír máis postos de traballo ou que despedir é difícil e caro, porque en realidade o despedimento é libre “e non debe ser moi caro vendo a facilidade coa que se destruíron moitos máis empregos que en ningún sitio de Europa”.

Diálogo social

Seixo e Muñoz denunciaron que o proceso de diálogo social que se desenvolveu para abordar a reforma tiña como obxectivo recortar os dereitos laborais para favorecer á patronal e que o seu deseño supuxo “un factor de control social e desmobilización evidente”, pretendendo dar a falsa imaxe  de que as responsabilidades “son compartidas, cando en realidade a xestión das consecuencias da crise se dicide de xeito acordado entre os gobernos, a patronal e os poderes financeiros”.

Para os secretarios xerais das centrais nacionalistas a imposición da reforma laboral vía Real Decreto, para evitar o debate, a participación e a confrontación social, supuxo un “proceso sumarísimo contra os dereitos laborais” no que o goberno buscou o acordo coas posicións máis reaccionarias, o que ten provocado que os dereitos laborais saíran gravemente lesionados. “A decisión de pechar o debate en pleno período de verán (habilitando xullo e agosto para levar a efecto ese atropelo) é unha mostra máis de como se xoga cos dereitos da xente”.

Fronte a este panorama as centrais sindicais nacionalistas renovaron o seu compromiso por un modelo sindical de contrapoder, que esixe un cambio radical das políticas públicas e da forma de actuar dos empresarios. “É imprescindíbel reafirmar un modelo reivindicativo orientado a un reparto máis xusto da riqueza e iso só é posíbel mediante a sensibilización social, a formulación de alternativas nos diversos eidos de traballo e a mobilización da clase traballadora”.

Documentos
Declaración ELA-CIG.pdf