Dende a CIG-Servizos denuncian que a empresa, pertencente ao poderoso Grupo Inditex, pretende tirar para adiante cun acordo laboral que penalizaría aos traballadores/as que se atopen de baixa médica, reducíndolle parte do pago, para con eses cartos abonar a ridícula suba económica que oferta. Ademais, hai que ter en conta que o persoal da planta de Narón percibe uns salarios inferiores aos que cobran os compañeiros/as doutras firmas do grupo que realizan as mesmas tarefas.
Neste senso, a CIG-Servizos de Ferrol critica a avaricia da multinacional, que rexeita a plataforma presentada pola representación do persoal, a pesar dos cuantiosos beneficios que o Grupo acadou o pasado ano e o continuado incremento da súa actividade comercial.
Diante desta actitude, os traballadores e traballadoras acordaron iniciar un calendario de medidas de presión máis contundentes a partir do vindeiro mes de setembro, cando todo o cadro de persoal estea reincorporado das vacacións.