Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 21/7/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que vele polo cumprimento da normativa nos procedementos selectivos docentes

A central nacionalista detectou irregularidades nas oposicións de Primaria en cidades como Ourense, Vigo ou A Coruña
A CIG-Ensino tivo constancia de irregularidades que se produciron no desenvolvemento dos procedementos selectivos aos corpos docentes que se están celebrando estes días. Varios tribunais retiraron da web as cualificacións da proba de oposición alegando problemas informáticos. Concretamente, o tribunal Nº8 de Primaria de Ourense retirounas da web o día 13 de xullo cando xa había persoal opositor que realizaran todas as probas e estaban avaliados, incumprindo así a norma establecida de publicar diariamente as cualificacións do persoal avaliado. Situacións similares repetíronse en tribunais de Vigo e A Coruña, "sendo numerosas as queixas de tribunais que retiraron da web as cualificacións para modificalas alegando erros do sistema informático”. Diante disto, reclámalle á Consellería de Educación que asuma a súa responsabilidade e vele polo cumprimento da normativa que regula as oposicións.

Por outra banda, a CIG-Ensino leva demandando en todas as convocatorias de oposicións deste sistema transitorio que se fixeran públicas as notas de cada unha das partes que forman a proba, xa que todos os anos son numerosas as queixas do persoal opositor de ser mal cualificados ao respecto dos criterios de avaliación que estabelecen os tribunais. “Nalgún tribunal de Vigo certos opositores obtiveron notas baixas e todo indica que foi por usar a lingua galega na defensa da programación, cando na especialidade de Primaria se pode defender en calquera das dúas linguas”, explican.

Son tamén moitas as queixas, lembran, no sentido de que os tribunais asignaron unhas determinadas cualificacións para que o resultado final sexa un reparto proporcional de prazas por tribunal, cando é competencia das comisións de avaliación configurar a listaxe de aprobados. “É tal o desacougo que moitos dos participantes no procedemento selectivo van convocar mañá venres unha concentración diante da consellaría de educación para manifestar publicamente o seu malestar”, sosteñen.

Deste xeito, a CIG-Ensino vén de comprobar, un ano máis, que a Consellaría “non está a realizar o labor que lle corresponde de supervisión do funcionamento dos tribunais”. Como é sabido a presidencia dos tribunais de oposición é nomeada pola Consellaría directamente, cuestión á que a CIG-Ensino se opón reiteradamente, reclamando que sexan por sorteo, ao igual que as comisións de selección. Por este motivo, entende que o departamento autonómico é responsábel do funcionamento deficiente que se dá nalgúns tribunais, xa que é quen decide que persoas os presiden e formas as comisións, “polo que lle esiximos que asuma a súa responsabilidade e vele polo cumprimento da normativa que regula os procedementos selectivos”.

cig.prensa@galizacig.com