Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 21/7/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG vota en contra da bancarización de Novacaixagalicia durante a asemblea xeral

Delegados e delegadas da central concentráronse ás portas de Palexco para rexeitar a privatización da caixa galega e os custos laborais do proceso
Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta tarde diante das portas do Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco), onde tivo lugar a Asemblea Xeral de Novacaixagalicia na que se aprobou o traspaso do negocio financeiro da caixa ao novo banco. Con esta protesta a CIG, que votou negativamente cada un dos puntos da orde do día da Asemblea, quixo amosar novamente o rexeitamento á privatización da caixa galega, a perda de soberanía financeira que supón e denunciar o custe laboral que este proceso está tendo para os traballadores e traballadoras, xa que implica a destrución de 1.700 empregos.

Durante a súa intervención na Asemblea, o Secretario Nacional da CIG-Banca denunciou que a bancarización da caixa “é un proceso centralista que encobre recortes sociais” e vulnera a competencia exclusiva das Autonomías sobre as caixas de aforros. Clodomiro Montero, que rendeu homenaxe ao importante papel desenvolvido por Alexandre Bóveda na fundación das caixas, lembrou que estas entidades de aforro naceron para favorecer a inclusión financeira dos sectores máis desfavorecidos, retribuíndo o pequeno aforro popular e como creadoras de riqueza para o país.

Pola contra, matizou, a transformación da caixa nun banco levará a un encarecemento dos servizos financeiros e a unha reorganización da rede comercial por criterios de rendibilidade (e non de eficiencia social), que afectará as oficinas do rural. De feito, sinalou, amplos sectores da poboación rural galega poden quedar sen servizos financeiros.

Nesta liña, Montero volveu pedir a dimisión da dirección e do Consello de Administración da entidade, aos que acusou de estar na orixe dos problemas das caixas. “Os problemas, como todos e todas sabemos, están na expansión deseñada polas direccións das antigas dúas caixas, coa que non quixeron rachar os actuais novos/vellos directivos”, subliñou. A este respecto, asegurou que a entrada de José María Castellanos con plenos poderes é un recoñecemento da incapacidade dos directivos da entidade. “A caixa non será maioritaria no futuro banco e foron incapaces incluso para captar inversores. En vostedes non confía ninguén e así o recoñecen cedendo o poder absoluto no banco a unha persoa allea á Caixa de Aforros; deixen de cobrar e váianse”, espetoulles.

1.700 empregos destruídos

De igual xeito, a CIG denunciou as consecuencias sobre o emprego e as condicións laborais que o proceso de bancarización está a ter. “Serán 1.700 os postos de traballo destruídos por distintas vías, unha cifra que sube mes a mes sen que saibamos onde está o límite. Unha das últimas medidas que tomaron vostedes na Caixa é ampliar o ERE, a iso chámaselle morrer matando”, criticou.

O Secretario Nacional da CIG-Banca amosou tamén preocupación polo futuro da Obra Social e Cultural da futura fundación que sucederá á caixa, e do seu persoal, xa que, sen dúbida carecerá da capacidade e dos orzamentos da actual, “nun momento de emerxencia social no que a Obra Social tiña máis sentido que nunca”.

Despedimentos en Banco Gallego

Aproveitando a concentración, dende a Federación de Banca quíxose denunciar publicamente a situación do persoal do Banco Gallego. A Dirección do banco, entidade participada por novacaixagalicia, comunicou hai uns días catro despedimentos alegando causas obxectivas, despois de decidir o peche de varias oficinas en Galiza: a de Touro e a do Pino do Val (Mazaricos) na Coruña e Ferreira do Valadouro en Lugo.

Nun caso alegan que o ano pasado a oficina tivo unhas perdas de 73 euros, noutro caso de 33 euros. "Para as direccións esas perdas xustifican os despedimentos de compañeiros/as mesmo con máis de trinta anos de traballo na entidade", censuran.

No arquivo adxunto podes ler a intervención completa de Clodomiro Montero na Asemblea de NCG.

Documentos
110721_Intenvecion_asemblea_xeral.pdf
cig.prensa@galizacig.com